Putin afirma que Rusia "non ten malas intencións" cara aos seus países veciños

O Exército ruso toma o control da maior central nuclear de Europa.
Vladímir Putin inclúe 48 países na súa 'lista negra' (Foto: Kremlin).
photo_camera O presidente ruso, Vladimir Putin, a pasada terza feira no Kremlin (Foto: Kremlin / dpa)

"Quero subliñar novamente: non temos malas intencións cara aos nosos veciños e aconsellaríalles que non escalen a situación, que non impoñan restricións", declarou onte o presidente de Rusia, Vladimir Putin, durante a izada da bandeira rusa nun novo ferry, segundo recolleu a axencia oficial de noticias rusa, TASS.

O mandatario sinalou que as accións rusas, "se xorden, sempre xorden exclusivamente en resposta a algunhas accións hostís contra Rusia", remarcando que Moscova "non ve a necesidade" de "escalar" as tensións ou "empeorar as relacións" cos seus países veciños.

Putin ordenou unha ofensiva militar contra Ucraína a semana pasada. Máis de 2.000 civís faleceron desde que comezou, segundo datos dos Servizos de Emerxencia ucraíno, mentres que máis dun millón saíron do país con destino a países veciños, principalmente Polonia. A cifra ofrecida onte pola Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos é de 330 civís mortos. As Nacións Unidas, advirten, porén, que a cifra real será maior polas dificultades para verificar informacións.

Ademais, o embaixador ruso ante a sede de Nacións Unidas en Xenebra, Gennady Gatilov, asegurou que Rusia non ten a intención de ocupar o país. "O noso obxectivo é a desnazificación do réxime e a desmilitarización de Ucraína, de modo que teñamos garantías de que non haberá ameazas que proveñan de Ucraína contra Rusia", declarou nunha conferencia de prensa. "Será o pobo ucraíno o que decida sobre o seu futuro político", sostivo o diplomático, tal e como leva facendo nos últimos 30 anos.

Asalto á central nuclear de Zaporiyia

Ademais, as autoridades ucraínas confirmaron onte que as forzas rusas se fixeran co control da central nuclear de Zaporiyia, a máis grande de Europa, horas despois dun ataque con artillería que provocou un incendio nas instalacións, posteriormente extinguido.

Os ataques de artillaría producíronse contra os edificios anexos e desencadearon un lume que foi sufocado contra as 6.20 horas [hora local] desta madrugada e segundo fontes da Axencia Internacional da Enerxía Atómica (AIEA), "non se rexistraron mudanzas nos niveis de radiación".

Este ataque foi condenado pola ONU. "As operacións militares ao redor de instalacións nucleares e doutras infraestruturas civís non son só inaceptábeis, senón altamente irresponsábeis", denunciou a xefa de Asuntos Políticos de Nacións Unidas, Rosemary DiCarlo.

O Goberno ruso acusou a "sabotadores ucraínos" do lume provocado na central nuclear.

Comentarios