A ONU eleva a 1.100 os civís mortos en Ucraína

Nacións Unidas constata 59 mortos e 227 feridos nos territorios baixo control das repúblicas de Donetsk e Luhansk e 1.060 mortos e 1.527 feridos nas zonas dominadas polo Goberno ucraíno.
Mariupol, albo dos ataques. (Foto: Maximilian Clarke / Zuma Press)
photo_camera Mariupol, albo dos ataques. (Foto: Maximilian Clarke / Zuma Press)

A ONU presentou este domingo unha actualización do balance de vítimas da guerra en Ucraína desde que estoupou hai xa un mes, o pasado 24 de febreiro, cando as tropas rusas entraron en territorio ucraíno.

Desde entón, segundo o Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, máis de 1.100 civís morreron e arredor de 1.790 resultaron feridos de diversa gravidade.

Por zonas, a ONU estima 1.060 vítimas mortais e 1.527 persoas feridas en territorio baixo control ucraíno, incluíndo 301 mortos e 694 feridos nas zonas que domina do Donbass.

Aliás, nas áreas controladas polas repúblicas populares de Donetsk e Luhansk Nacións Unidas ratifica 59 mortos e 227 feridos.

Con todo, a entidade precisa que as cifras reais son "considerabelmente máis altas", debido á falta de información en lugares especialmente axexados polos bombardeos como Mariupol.

A meirande parte das mortes, segundo a ONU, foron consecuencia do "uso de armas explosivas de ampla área de impacto", como "artillaría pesada, foguetes e ataques aéreos".

Na sexta feira Nacións Unidas advertiu que a "magnitude" das baixas e os danos en infraestruturas "suxire que se violou a prohibición de realizar ataques indiscriminados" e, polo tanto, a comisión de crimes de guerra.

A líder da Misión de Observación dos Dereitos Humanos en Ucraína, Matilda Bogner, alientou que xa foi confirmado o uso de munición de racimo por parte das forzas rusas, "e probabelmente tamén polas ucraínas", dixo, "o que equivalería a violacións do dereito internacional humanitario".

Comentarios