Os Estados Unidos ultiman sancións contra Irán por responder a un ataque israelí mentres avalan o xenocidio en Gaza

Logo de vetar durante meses que o Consello de Seguridade da ONU solicitase un alto o fogo para parar o xenocidio en Gaza, os Estados Unidos apréstanse a impor sancións a Irán por responder a un ataque israelí e premer os seus aliados para que as repliquen.
Palestinos recibindo os corpos das e dos seus familiares asasinados por Israel, o domingo en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press)
photo_camera Palestinos recibindo os corpos das e dos seus familiares asasinados por Israel, o domingo en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press)

Janet Yellen, secretaria do Tesouro estadounidense, subliñou que o país americano “non dubidará” á hora de tratar de castigar a economía de Irán e está a preparar novas sancións contra o Estado persa tras a represalia iraniana contra Israel na fin de semana, en resposta ao bombardeo sionista do seu consulado na capital siria, Damasco, onde foron asasinados sete asesores militares, entre eles dous xenerais, revelou a terza feira o portal Axios.

Ao tempo, premerá as e os titulares de Finanzas que estarán esta semana en Washington nunha reunión do Fondo Monetario Internacional (FMI) para que os seus Gobernos repliquen as sancións coercitivas unilaterais e coordinen as súas accións cos Estados Unidos. Neste sentido, Alemaña salientou que confía en que a Unión Europea (UE) siga o mesmo camiño.

O ministro de Exteriores do Executivo de extrema dereita israelí, Israel Katz, sostivo que remitiu a 32 Estados misivas para reclamar que “impoñan sancións ao proxecto iraniano de mísiles e que se declare como organización terrorista” á Garda Revolucionaria, unha das pólas das Forzas Armadas de Irán.

Con todo, o réxime de apartheid sionista non foi sancionado pola agresión militar en marcha contra o territorio palestino de Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio, e apenas un Estado, Francia, suxeriu esa posibilidade medio ano despois do inicio dos bombardeos indiscriminados de Israel contra a poboación civil, namentres no caso de Irán, admitiu o presidente estadounidense, Joe Biden, as represalias foron dirixidas a instalacións militares.

O certo é que tanto os Estados Unidos como a UE manteñen o apoio inmutábel ao réxime israelí tras o asasinato por parte dos seus militares de case 34.000 persoas en Gaza desde outubro, máis de 40% delas crianzas. Entre as nenas e nenos que sobreviviron até o de agora 19.000 ficaron orfos, e cando menos 6.000 das 10.000 mulleres asasinadas por Israel eran nais, reportou a terza feira ONU Mulleres.

Asemade, as sancións contra Irán actualmente en vigor por parte de países occidentais pivotan arredor do seu programa nuclear, que Tehran insiste en que é para fins civís. As medidas coercitivas foron reinstauradas en 2018 cando os Estados Unidos racharon de forma unilateral un acordo que fixaba controis e límites no programa nuclear iraniano a cambio da fin destas medidas, e que fora asinado tamén por Alemaña, a China, Francia, o Reino Unido e Rusia.

En todo caso, o que si está constatado é a existencia dun programa nuclear militar en Israel, que conta con bombas atómicas, malia a ambigüidade pública sobre a súa existencia isto foi corroborado polo ministro de Patrimonio, Amichai Eliyahu, que asegurou que lanzar unha bomba nuclear contra Gaza “é unha das posibilidades”.

Sexa como for, o Gabinete de guerra israelí desenvolveu unha nova reunión para analizar cando e como atacarán Irán. Malia a insistencia de Washington e dos seus aliados en desescalar a situación, e de que Biden afirmou que non participarían no ataque e trasladou a súa preocupación porque Israel o trate de arrastrar a unha guerra rexional, o voceiro do Consello de Seguridade Nacional, John Kirby, reafirmou que “faremos o que teñamos que facer para defender Israel”.

Neste contexto, e tendo en conta a intención de Israel de escalar o conflito para diluír a atención sobre o xenocidio en Gaza e superar o illamento internacional cada vez maior ao que incluso algúns aliados o comezaban a someter para que deixase de bloquear as conversas para un alto o fogo e puxera fin ao xenocidio, a participación estadounidense é cada vez máis probábel.

En paralelo, o presidente de Irán, Ebrahim Raisi, sinalou que “a máis pequena acción contra os intereses iranianos” recibirá unha “resposta severa, xeneralizada e dolorosa contra calquera perpetrador”, despois de que o viceministro de Exteriores, Ali Bagheri Kani, alertara de que no futuro calquera represalia sería desencadeada “en cuestión de segundos”.

Malia que os acontecementos en Gaza pasaron a un segundo plano para os Gobernos occidentais, as protestas a favor de Palestina continúan. Precisamente nos Estados Unidos, unha mobilización bloqueou a ponte Golden Gate de San Francisco.

Dereito á defensa

No tocante á lexitimidade xurídica das accións de Israel contra o consulado iraniano, persoas expertas da ONU resolveron que foi ilegal e que violou a Carta das Nacións Unidas, apuntando que o crime tamén puido violar un tratado internacional antiterrorista de 1971.

Á vez, e admitindo que a agresión israelí pode ser cualificada como un “ataque armado” contra Irán, detalla que Tehran non tiña dereito a defenderse a fin de semana pasada posto que a lexítima defensa só se circunscribe a deter un ataque armado continuo, o que desacredita tamén calquera opción de legalidade da agresión militar israelí contra Gaza, que os países occidentais aseguran responde ao seu dereito a defenderse, algo que en todo caso só aplica contra Estados e non contra organizacións que loitan por acabar coa ocupación do seu territorio, como é o caso das forzas da resistencia palestina.

Os hospitais en Gaza, a piques de ficar sen electricidade

O Ministerio de Sanidade gazatí fixo a terza feira un chamamento de axuda posto que os xeradores que proporcionan electricidade aos 12 hospitais que funcionan parcialmente -un terzo dos activos antes da agresión israelí- poden apagarse “en calquera momento” ante “a persistencia dos ataques israelís”.

Nun dos centros que xa non funcionan tras ser arrasado polos sionistas, o hospital Al Shifa, foron descubertas foxas comúns con centos de persoas executadas por Israel, incluíndo pacientes, equipos médicos e persoas refuxiadas no lugar.

Ademais, e cando os organismos internacionais alertan que máis dun millón de persoas na Faixa poden morrer nas próximas semanas de fame, a Axencia da ONU para os refuxiados palestinos detallou que non houbo cambios significativos na axuda que Israel permite que entre no enclave palestino.

A pesar de que Israel non cumpriu ningún dos obxectivos declarados da agresión militar, eliminar  a forza palestina Hamás e liberar as persoas detidas en Gaza, a Oficina Central de Estatísticas de Israel revelou os efectos da agresión na súa economía, pois só no último trimestre do pasado ano o produto interior bruto israelí caeu até 21% en relación ás cifras do trimestre anterior.

Comentarios