Israel aposta por atacar Irán e tratar de arrastrar os Estados Unidos a unha guerra rexional no medio do xenocidio en Gaza

Israel está disposto a pór a proba a afirmación do Goberno estadounidense de que non apoiará un novo ataque a Irán como o que derivou na represalia iraniana da fin de semana namentres prosigue co xenocidio no territorio palestino de Gaza.
Área destruída en Gaza no marco do xenocidio que está a perpetrar Israel, a segunda feira. (Foto: Foto Khaled Daoud / APA Images vía ZUMA vía Europa Press)
photo_camera Área destruída en Gaza no marco do xenocidio que está a perpetrar Israel, a segunda feira. (Foto: Foto Khaled Daoud / APA Images vía ZUMA vía Europa Press)

O Gabinete de guerra de Israel resolveu a segunda feira atacar “clara e enerxicamente” Irán, reportou a sionista Canle 12, xustificándose na represalia iraniana ao bombardeo do réxime de apartheid contra o seu consulado en Damasco, Siria, no que foron asasinados sete asesores militares, entre eles dous xenerais, nun edificio protexido pola Convención de Viena e considerado territorio soberano iraniano.

A información sinala que o Goberno de ultradereita israelí buscará coordinar o ataque cos Estados Unidos, no marco da súa tentativa de que a agresión militar contra Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio, se converta nunha guerra rexional e así superar o illamento cada vez maior polas súas accións no enclave, e a axencia Reuters publicou que aínda non se decidiu o momento e a escala do ataque.

En todo caso, un funcionario estadounidense trasladou a medios de comunicación que tras a resposta iraniana o presidente Joe Biden “deixoulle moi claro” ao primeiro ministro sionista, Benjamin Netanyahu, que “temos que pensar coidadosa e estratexicamente sobre os riscos de escalada”, comunicando que non apoiaría nin participaría nunha resposta militar contra Irán, o que replicaron Estados occidentais con peticións de moderación.

Nese sentido, o xornal The New York Times constatou con base a testemuños de membros do funcionariado estadounidense que Israel decidiu atacar Irán pouco despois da represalia de Tehran, ataque que foi cancelado tras a conversa entre Netanyahu e Biden. Asemade, a canle NBC citou funcionarios de Washington que aseguraron que Biden estaba preocupado de que Netanyahu o trate de arrastrar á guerra.

Aínda así, “noutras nacións tamén afirmou que non ía involucrarse e finalmente foi arrastrado por unha dinámica de conflito en tensións rexionais, entón, unha cousa é o que diga e outra cousa é o que finalmente faga”, remarcou Ignacio Álvarez Osorio, catedrático de Estudos Árabes e Islámicos da Universidade Complutense de Madrid, explicando que “Israel precisa cortinas de fume” para “destruír completamente a Faixa e expulsar a súa poboación, e para iso precisa que a conflagración rexional se estenda a outros países da contorna”, antes de lembrar que Netanyahu busca asegurar a súa propia “supervivencia política”.

Após a ofensiva iraniana na madrugada do domingo, despois da que Irán destacou que consideraba concluído o asunto ao exercer o seu lexítimo dereito de defensa, Hossein Salami, comandante da Garda Revolucionaria, unha das pólas das Forzas Armadas de Irán, salientou que “a partir de agora, sempre que Israel ataque os intereses iranianos atacaremos desde Irán”, e o presidente Ebrahim Raisi sostivo que “se o réxime sionista ou os seus partidarios demostran un comportamento imprudente recibirán unha resposta decisiva e moito máis forte”. En paralelo, Irán avisou que se Washington apoia unha acción israelí contra o país as bases militares estadounidenses na rexión serán atacadas.

Unha represalia “limitada”

O réxime de apartheid sionista reiterou que freou 99% dos aproximadamente 170 drones, 120 mísiles balísticos e 30 mísiles de cruceiro lanzados por Irán, recoñecendo apenas danos na base aérea de Nevatim, onde foi reportado o impacto de 15 mísiles balísticos, e que deixaron unha crianza ferida.

Con todo, é case imposíbel coñecer a magnitude real dos danos pola intensa censura en Israel, que afecta tamén á prensa estranxeira. De feito, calquera xornalista destes medios ten que asinar que acatará os criterios dos censores sionistas para poder traballar no lugar.

O certo é que malia que os países occidentais coincidiron en que o acontecido amosa a forza das defensas israelís, a axencia AP remarcou que “os Estados Unidos foi un actor clave en repeler o ataque”, despregando avións de combate e buques de guerra na zona, e contou coa participación confirmada do Reino Unido, Francia e Xordania.

Todo isto a pesar de que “semella que Irán telegrafou o seu ataque a Israel para demostrar que pode atacar usando diferentes capacidades”, obstaculizando a neutralización das súas armas por parte de Israel mais “tamén para proporcionar unha rampla de saída para deter a escalada”, indicou Nishank Motwani, analista do Instituto Australiano de Política Estratéxica en Washington.

Hossein Amir Abdollahian, titular de Exteriores iraniano, debullou que informaron Estados da rexión do ataque, e apuntou que previron Washington de que a represalia sería “limitada”.
Antes e despois da ofensiva contra Israel Irán e os Estados Unidos tiveron “unha serie de comunicacións directas” a través de Suíza, admitiu un alto funcionario estadounidense á axencia Reuters, e ao ser preguntado arredor do aviso a países da rexión insistiu en que “non deron ningunha notificación” e que “claramente tiñan a intención de destruír e causar vítimas”.

Porén, Turquía, Xordania e o Iraq corroboraron que foron advertidos e que remitiron a Washington os plans iranianos, quen de forma previsíbel os transmitiu posteriormente ao réxime de apartheid israelí.

Posíbeis sancións a Irán e máis armas para Israel

Logo de bloquear países occidentais unha condena na ONU ao ataque israelí ao consulado iraniano en Damasco, Siria, que causou a represalia de Tehran, e que o Estado persa deixou entrever que tería evitado a súa ofensiva, o G7 discutiu “con certo detalle”, filtrou un funcionario occidental, impulsar máis sancións unilaterais que se sumarían ás que xa ten en vigor contra Irán, e un dos membros do grupo, Alemaña, declarou que a resposta iraniana deixou á rexión “ao bordo do abismo”.

Neste contexto, o responsábel de Exteriores británico, David Cameron, chegou a admitir a preguntas dos medios que Irán tiña dereito ás represalias, cuestionando a “escala” do ataque.

A reacción contrasta co apoio fechado dos Estados Unidos e a Unión Europea á agresión israelí contra Gaza, sobre a que Bruxelas non foi quen de reclamar un alto o fogo. O réxime de apartheid asasinou no enclave, que sigue a bombardear, 33.797 persoas desde outubro no intento de invasión e nos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil.

O intento israelí de escalar a guerra xa deixou en segundo plano nos medios occidentais o xenocidio en Gaza e desbloqueou as conversas para que o lexislativo estadounidense aprobe enviar máis armas a Israel e Ucraína.

Comentarios