Un ministro do Goberno israelí, sobre lanzar unha bomba nuclear en Gaza: "É unha opción"

Este domingo os avións israelís bombardearon o campo de refuxiados de Al Maghazi, no centro da Faixa de Gaza, matando polo menos 51 civís e ferindo a decenas. A maioría das vítimas son nenos, informa a axencia 'WAFA'.
Amihai Eliyahu, ministro de Patrimonio de Israel (Foto: Eladkarmel).
photo_camera Amihai Eliyahu, ministro de Patrimonio de Israel (Foto: Eladkarmel).

A barbarie parece non ter fin e os ataques israelís contra territorio palestino intensifícanse aínda máis. A poboación palestina tema polas súas vidas mentres un ministro israelí apunta á posibilidade de lanzar unha bomba nuclear sobre Gaza.

Trátase de Amihai Eliyahu, o ultradereitista ministro do Patrimonio de Israel que nas últimas horas asegurou ao ser preguntado sobre a posibilidade de lanzar unha bomba nuclear na Faixa de Gaza que “é unha opción”.

51 mortes máis

Todo isto nunha xornada en que de novo os avións israelís bombardearon o campo de refuxiados de Al Maghazi, no centro da Faixa de Gaza, matando polo menos 51 civís e ferindo a decenas. A maioría das vítimas son nenos, informa a axencia WAFA.

Ademais, de acordo con correspondentes do medio, Israel levou a cabo ataques aéreos contra os barrios occidentais e do norte de Gaza, utilizando municións de fósforo branco, aínda que o dereito internacional humanitario prohibe disparar tales municións contra zonas civís poboadas, infraestruturas civís, nin sequera perto delas.

Previamente esta semana, as Forzas de Defensa de Israel (FDI) atacaron o campo de refuxiados de Jabalia. O ataque provocou o derrubamento de varios edificios e, segundo diversas estimacións, custou a vida de entre 50 e 100 persoas e deixou varios centenares de feridos. Un día despois produciuse un novo ataque contra o sitio, que tamén causou a morte de decenas de civís.

A resistencia palestina asegurou que nos dous ataques israelís contra Jabalia foron asasinados polo menos 195 palestinos. Engadiu que unhas 120 persoas seguen desaparecidas baixo as ruínas, e que polo menos 777 resultaron feridas.

Así mesmo, as tropas israelís bombardearon esta sexta feira unha escola situada no norte do enclave palestino e pertencente á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa), que alberga millares de palestinos desprazados. O ataque deixou máis de 20 mortos e decenas de feridos palestinos.

Comentarios