As conversas para un alto o fogo en Gaza, ao bordo da ruptura

Israel asasina tres fillos e catro netos do líder de Hamás.
Celebracións da última xornada do ramadán en Gaza entre cascallos, a cuarta feira. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Celebracións da última xornada do ramadán en Gaza entre cascallos, a cuarta feira. (Foto: Mohammed Talatene / DPA vía Europa Press)

As conversas no Cairo, Exipto, para un cesamento de hostilidades na Faixa de Gaza están ao límite, informou a quinta feira a axencia EFE, logo de que a organización palestina Hamás, que goberna o enclave, reiterara o seu rexeitamento á última proposta, nunhas negociacións marcadas pola negativa israelí a asinar un acordo que supoña a fin da súa agresión militar a Gaza -que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio-, unha das principais exixencias da forza palestina.

Basem Naim, da dirección de Hamás, sinalou que o primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, “non logrou nas últimas semanas arruinar as negociacións e está baixo presión dos estadounidenses, a comunidade internacional e a sociedade interna israelí”.

"Ferramentas sucias"

Neste contexto, “agora está a utilizar todas as ferramentas sucias, matando os nosos fillos, as nosas esposas e asasinando líderes ou algunhas persoas en Damasco”, en alusión ao ataque do réxime de apartheid sionista contra o consulado de Irán na capital siria.

Naim insistiu en que pretende acabar con “calquera posibilidade” dun alto o fogo exixido polo Consello de Seguridade da ONU, nunhas declaracións efectuadas poucas horas despois de que Israel asasinara en Gaza tres fillos e catro netos -todas crianzas- do líder de Hamás, Ismail Haniyeh, exiliado en Qatar.

33.545 persoas asasinadas en Gaza

“O inimigo engánase se pensa que matando os meus fillos cambiaremos de posición” nas conversas, afirmou Haniyeh antes de subliñar que “o sangue dos meus fillos non é máis precioso que o sangue do noso pobo mártir en Gaza”.

Entrementres, os ataques sionistas no territorio palestino continuaron, elevando a 33.545 a cifra de persoas asasinadas desde outubro.

Comentarios