Os Estados Unidos negocian cos talibán mentres se estende a lei relixiosa no país

O líder afgán reivindica a aplicación total da lei da 'sharia'.
Ademais dunha guerra que nunca parou desde 2001, este ano Afganistán padeceu o peor terremoto en 20 anos e inundacións no sur (Foto: Ingebjorg Karstad / NRC Norway).
photo_camera Ademais dunha guerra que nunca parou desde 2001, este ano Afganistán padeceu o peor terremoto en 20 anos e inundacións no sur (Foto: Ingebjorg Karstad / NRC Norway).

Hai pouco menos dun ano que os talibán recuperaron o poder no Afganistán, facéndose co país nunha rápida ofensiva que completou antes incluso de que as tropas estranxeiras -lideradas polos Estados Unidos- marcharan.

Neste tempo, producíronse arredor de 700 mortes froito da violencia armada, principalmente a mans do Estado Islámico, rivais dos talibán, entrementres a estes últimos atribúenselles cando menos 160 execucións extraxudiciais, 180 arrestos arbitrarios e 56 casos de tortura, amais de negar os dereitos fundamentais das mulleres e nenas, segundo explica a Misión de Asistencia de Nacións Unidas no Afganistán, entidade que non recoñece o que os talibán denominan Emirato Islámico do Afganistán.

"Estas políticas forman un sistema de represión que discrimina as mulleres e as crianzas en case todos os aspectos da súa vida,  controlados e sometidos a grandes restricións", explica Agnès Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional.

Porén, esta semana decorreu en Uzbequistán a segunda conferencia internacional cos talibán, despois da realizada en xaneiro en Oslo (Noruega), que non obtivo resultados concretos.

A xuntanza, criticada por entidades en defensa dos dereitos humanos como Amnistía Internacional, abre a porta a desbloquear 3.500 millóns de euros das reservas afgás en bancos dos Estados Unidos (EUA), sinalou o Departamento de Estado dos EUA, que constata a "necesidade de abordar a urxente situación humanitaria no Afganistán" tras unha reunión bilateral entre os EUA e os talibán a quinta feira, baixo a mediación das autoridades uzbekas.

Pola súa parte, o Banco Central do Afganistán insiste en que eses fondos son necesarios "para implementar a política monetaria, facilitar o comercio internacional e estabilizar o sector financeiro", reiterando que "os verdadeiros propietarios destas reservas son os cidadáns do Afganistán".

Aproximadamente 9.000 millóns de euros de reservas afgás estaban en institucións financeiras estranxeiras cando os talibán tomaron o poder, 7.000 millóns de euros só nos EUA. A negociación corresponde á metade deses fondos, que o mandatario dos EUA, Joe Biden, liberou en febreiro, ao tempo que os outros 3.500 millóns de euros están a ser impugnados en demandas contra os talibán derivados dos atentados do 11 de setembro de 2001 nos Estados Unidos, subliña Al Jazeera.

A pesar das negociacións bilaterais que se produciron sobre todo en Doha (Qatar), arredor do mecanismo para efectuar o desbloqueo, expertos alertan de que son precisas novas fontes de ingresos para substituír a axuda exterior, que antes da caída do Goberno de Ashraf Ghani supoñía 70% do orzamento estatal.

Lei Sharia

En paralelo, o mulá Haibatulá Ajundzada, líder dos talibán e do país, multiplica as súas aparicións e reivindica a aplicación "total" da súa interpretación da sharia, as leis islámicas que emanan do Corán. "As leis feitas polas persoas non son aplicábeis, no Emirato Islámico o mandato pertence só a deus e a solución a todos os problemas están na sharia, a soberanía non se decide por peticións da xente nin se trata dunha república", asegurou Ajundzada nunha reunión con gobernadores provinciais que transcendeu esta sexta feira.

Un país con recursos naturais e carácter xeoestratéxico

Afganistán forma parte da nova ruta da seda chinesa, da ruta entre Rusia e India e do gasoduto en construción que remata neste último país. Ademais do gas natural, conta con reservas de petróleo estimadas en 2,3 billóns de euros, así como de minerais chave para industria, como cobalto, litio, cobre, ouro, zinc, chumbo ou cromo. Todo isto nun intre no que Estados Unidos e a Unión Europea buscan substituír as subministracións rusas.

Comentarios