A ONU detalla o "castigo colectivo" ao que están sometidas as afgás

"Discriminación sistemática a grande escala", sostén un grupo de relatores de dereitos humanos.
escola_nenas_afganistan_Oliver Weiken-dpa
photo_camera Nenas nunha escola afgá, nunha imaxe de arquivo (Foto: Oliver Weiken / dpa)

Un grupo de relatores de dereitos humanos da ONU denunciou onte que as autoridades instauradas polos talibán no Afganistán están institucionalizando unha discriminación en función do sexo "a grande escala" e de forma "sistemática" contra mulleres e nenas.

Os expertos reiteraron a súa alarma polas medidas aplicadas desde agosto de 2021 no país, que cualificaron de "castigo colectivo contra mulleres e nenas". "Estamos preocupados polos esforzos continuados e sistemáticos para excluír as mulleres das esferas sociais, económicas e políticas en todo o país", indicaron, antes de subliñar que estas preocupacións están exacerbadas en casos de mulleres pertencentes a minorías étnicas, relixiosas e lingüísticas do Afganistán.

Ademais, alertaron do aumento do risco de explotación de mulleres e nenas, incluído o tráfico destinado ao matrimonio forzoso e ao matrimonio infantil, así como á explotación sexual e ao traballo forzado.

Os relatores fixeron fincapé en que estas políticas están a ser aplicadas a través dunha batería de medidas que prohiben ás mulleres volver aos seus postos de traballo, requiren que as acompañe un familiar en espazos públicos ou impoñen un estrito código de vestimenta.

"Ademais de limitar gravemente a súa liberdade de movemento, expresión e asociación e a participación en asuntos públicos e políticos, estas medidas afectaron a capacidade das mulleres para traballar e gañar o sustento, empuxándoas máis aínda cara á pobreza", recalcaron. Neste sentido, fixeron fincapé en que as mulleres cabeza de familia foron "especialmente golpeadas", ante a "devastadora" crise humanitaria.

Sen educación

Existe unha especial preocupación, salientou o grupo, pola denegación do dereito das mulleres e nenas á educación, co argumento de que as clases deben estar segregadas e acondicionadas a un ambiente islámico.

Ao respecto, o viceministro de Cultura do Goberno afgán e portavoz talibán, Zabihullah Mujahid, sinalou en declaracións aos medios que traballan para que a escolas para nenas se reabran en todo o país a partir do 21 de marzo, cando se inicia o novo ano afgán. É a primeira vez que un membro do Goberno ofrece unha data concreta.

O movemento talibán non prohibiu oficialmente a educación ás afgás, mais clausurou centros de secundaria e impediu que as mulleres acudan aos centros universitarios. Só as nenas de até 12 anos están a recibir algún tipo de aprendizaxe regrada. 

Comentarios