Soldados británicos competían en Afganistán por ver quen asasinaba máis persoas en incursións nocturnas

Militares do corpo de elite das Forzas Armadas mataban a sangue frío tanto persoas detidas como civís totalmente desarmados, e altos cargos do Exército tentaron ocultalo, segundo informa a 'BBC'.
Manobras de soldados británicos, esta terza feira. (Foto: Ben Birchall / PA Wire)
photo_camera Manobras de soldados británicos, esta terza feira. (Foto: Ben Birchall / PA Wire)

Cando menos 54 persoas foron asasinadas desarmadas polo Servizo Aéreo Especial (SAS), un dos corpos de elite das Forzas Armadas do Reino Unido, durante unha misión de seis meses en Afganistán entre 2010 e 2011. Con todo, a cifra real podería ser moito máis alta, revela unha investigación da BBC, tras reportar esas unidades centos de mortes durante a súa estancia.

Militares doutros corpos que serviron co SAS recoñeceron que viron como os soldados do corpo especial mataban persoas desarmadas durante as incursións nocturnas, amais relataron múltiples casos de metralletas AK-47 postas nas mans de persoas asasinadas, para xustificar a súa execución. Tamén adoitaban competir entre os escuadróns para comprobar quen conseguía alcanzar o maior número de mortes.

Aínda que nas altas esferas militares eran conscientes do que acontecía nunca comunicaron os feitos á policía militar, como era a súa obriga legal.
Na análise da correspondencia dos oficiais, contemplaron conversas nas que asumían os feitos e o patrón das mortes. Nunha delas, afirma que “por décima vez nas últimas dúas semanas” o escuadrón levara a un detido a un edificio “e reapareceu cun AK” e morto.

Nun memorando secreto, o director das Forzas especiais é informado de que podería haber “unha política deliberada” de “matar homes en idade de loita aínda que non representaran unha ameaza” e de “fabricar probas para suxerir un homicidio legal en defensa propia”, polo que se encargou unha investigación que quedou en nada. De feito, o informe final que permitiu arquivala foi asinado polo comandante da unidade SAS responsábel destas mortes.

O Executivo defende os soldados

A resposta do Goberno británico a estas acusacións foi que os seus soldados “serviron con coraxe e profesionalidade en Afganistán”.

O xeneral Sir Mark Carleton-Smith foi nomeado en 2012 como xefe das Forzas especiais, antes de chegar a xefe do Exército, cargo que deixou o mes pasado, polo que era o responsábel da institución en 2013, cando a policía militar comezou a investigar o acontecido.

Non obstante, non só ocultou as probas e non comunicou ningunha das sospeitas sobre asasinatos ilícitos, senón que permitiu que a unidade acusada volvera pouco despois a Afganistán para unha xira de medio ano.

Comentarios