Xornalistas silenciadas no Afganistán

80% das mulleres tiveron que deixar o emprego obrigadas polos talibán.
afga_xornalista-UNAMA-Fardin Waezi
photo_camera Unha xornalista afgá nunha emisora de radio, nunha imaxe tomada en 2018 (Foto: Fardin Waezi / Unama)

A ONG Human Rights Watch (HRW) denunciou que a censura imposta polos talibán aos medios de comunicación é moito máis dura nas provincias afgás que na capital, Kabul, onde botaron o feche centos de xornais, emisoras e canles de TV, e advertiu de que a represión apunta primeiro as mulleres: 80% das xornalistas tiveron que deixar os seus empregos.

Segundo unha investigación con entrevistas a 24 xornalistas de 17 das 34 provincias do país, os talibán ameazan, arrestan e golpean os xornalistas cando publican información que consideran non desexada, o que provocou que se impoña a autocensura nos informadores que continúan a traballar nos medios locais, limitando desta maneira a información crítica.

Oficialmente, a lei afgá garante a liberdade de expresión e de prensa, así como a participación das mulleres nestas profesións. Con todo, o pasado 2 de febreiro, o portavoz talibán, Zabiullah Mujahid, reclamou aos xornalistas teren en conta "os intereses nacionais, os valores islámicos e a unidade nacional" antes de publicar unha información. 

As autoridades talibán anunciaron a creación de organismos para garantir o bo funcionamento da prensa, mais a realidade é que a Dirección de Información e Cultura de cada provincia vixía as publicacións e exixe aos xornalistas que presenten os textos antes da difusión.

Golpes na rúa

Mujahid garantiu que "as mulleres poden traballar libremente nos medios cumprindo cos principios islámicos e nacionais". Porén, as poucas ás que non se lles prohibiu na realidade fano afastadas do público. 

Unha xornalista de Balj relatou a HRW que fora golpeada por milicianos talibán en plena rúa cando tentaba cubrir unha manifestación de mulleres en setembro. Situación que se fixo habitual para os seus compañeiros varóns en varias localidades.

Comentarios