Os EUA descartan medidas polas 10 mortes de civís nun ataque estadounidense con drons en Cabul

O ataque dos EUA o pasado agosto de 2021 con drons na capital de Afganistán saldouse coa morte de 10 civís, nove delas crianzas. Os EUA descartan tomar medidas polo "terríbel erro".
Protestas en Washington polos ataques con drons en Afganistán. (Foto: L. Nolly / Sopa Images)
photo_camera Protestas en Washington polos ataques con drons en Afganistán. (Foto: L. Nolly / Sopa Images)

O 29 de agosto de 2021, apenas dous días despois de que un ataque no aeroporto de Cabul se cobrase a vida de civís afgáns e trece soldados estadounidenses, o Exército de Estados Unidos de América (EUA) atacou cun dron un vehículo provocando a morte a 10 persoas civís, das que nove eran crianzas. No ataque tamén morreu Zamarai Ahmadi, que traballaba para unha organización estadounidense sen ánimo de lucro.

Segundo admitiu o pasado mes de setembro de 2021 o xeneral estadounidense Frank McKenzie, un dos principais mandos do Pentágono, Ahmadi foi probablemente confundido cun posible integrante do Estado Islámico Provincia de Jorasán (ISKP) e abatido cun dron nun ataque que McKenzie cualificou de "terríbel erro".

En decembro de 2021, o portavoz do Pentágono, John Kirby, anunciou que ningún militar se enfrontaría a medidas disciplinarias por este ataque con dron na capital afgá. Os EUA lamentaron na cuarta feira as mortes causadas polo ataque con dron.

"Tomámolo en serio. De feito, lamentamos as mortes que causamos e, aínda que non somos perfectos en termos de como as investigamos ou como falamos sobre elas, investigámolas e falamos sobre elas", dixo o portavoz do Pentágono.

O portavoz do Departamento de Estado dos EUA, Ned Price, dixo que aínda hai perto de 1.000 nacionais en Afganistán, entre os que se atopan residentes legais que foron recolocados directamente fóra dese país coa axuda da Administración estadounidense.

"Estamos en contacto con varias persoas estadounidenses. Seguimos facendo todo o posíbel para apoiar o seu desexo de recolocarse e seguiremos facéndoo mentres haxa estadounidenses que desexen abandonar o país", afirmou Price en rolda de prensa.

Os EUA empregan Ucraína na súa defensa

O portavoz do Pentágono, John Kirby, empregou o conflito entre Rusia e Ucraína para defenderse diante das responsabilidades dos EUA no ataque con drons que matou a 10 civís, nove destas persoas crianzas, no pasado mes de agosto de 2021.

"Que escoitas dos rusos hoxe? Que escoitas de Moscova? Que escoitaches de Putin onte á noite?", aludiu Kirby en defensa do Goberno dos EUA.

Comentarios