Armenia cifra en 207 os desaparecidos e mortos após os ataques de Acerbaixán

As autoridades armenias fixeron un chamamento á comunidade internacional para que presione Acerbaixán co obxectivo de "pór fin á ocupación dos territorios soberanos da República de Armenia".
Unha muller armenia suxeita unha escopeta na entrada da súa casa durante un bombardeo das tropas de Acerbaixán (Foto: Celestino Arce Lavin / ZUMA Wire / DPA).
photo_camera Unha muller armenia suxeita unha escopeta na entrada da súa casa durante un bombardeo das tropas de Acerbaixán (Foto: Celestino Arce Lavin / ZUMA Wire / DPA).

Unha semana despois do alto ao fogo asinado entre Armenia e Acerbaixán, a situación continúa a ser moi tensa na zona fronteiriza. Segundo fontes gobernamentais armenias, as cifras de persoas mortas e desaparecidas por ataques das forzas azarís (do Acerbaixán) no territorio de Nagorno Karabaj ascendía onte a 207.

Neste sentido, as autoridades armenias fixeron un chamamento á comunidade internacional para que presione Acerbaixán co obxectivo de "pór fin á ocupación dos territorios soberanos da República de Armenia".

A maioría da poboación de Nagorno-Karabaj, territorio oficialmente pertencente ao Acerbaixán, é armenia. En 1988, sendo ambos os Estados membros da URSS, habitantes de Nagorno-Karabaj pediron que o territorio pasase a ser de Armenia, solicitude que foi rexeitada. A violencia e a guerra posteriores deron lugar á proclamación de Nagorno-Karabaj nos 90 como República de Artsaj, cuxa independencia non obtivo recoñecemento internacional. Agora, opositores ás forzas azarís están a denunciar que desde o alto o fogo de 2020 as autoridades do Acerbaixán están a repoboar o territorio de Nagorno-Karabaj expulsando armenios. 

O chamado realizado polas autoridades de Armenia para frear Acerbaixán foi recollido onte polo secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, que, en conversa co presidente azarí, Ilham Aliyev, instouno a "respectar o alto ao fogo e garantir a paz". "Instamos o presidente Aliyev a adherirse ao alto ao fogo, retirar as forzas militares e traballar para resolver todos os problemas pendentes entre Armenia e Acerbaixán a través de negociacións pacíficas", sinalou o departamento de Estado dos EUA a través dun comunicado.

A presidenta da Cámara de representantes norteamericana, Nancy Pelosi, tamén condenou os "ataques mortais" do Acerbaixán nunha visita a Armenia en que se reuniu co primeiro ministro armenio, Nikol Pashinyan. O Goberno de Acerbaixán reaccionou ás declaracións de Pelosi, que tachou de "inaceptábeis e inxustas".

Turquía, co Acerbaixán

Entre as alianzas internacionais con que conta Acerbaixán, encóntrase principalmente a de Turquía. O Estado turco, liderado por Tayyip Erdoğan, apoia Acerbaixán esencialmente pola súa relación histórica, cultural e lingüística co país azarí mais tamén porque considera Armenia como un "Estado inimigo" de Turquía. 

Sobre este conflito, o ministro de Exteriores turco, Mevlüt Çavusoglu, asegurou que "Armenia continúa coas súas provocacións na fronteira, polo que, certamente, Acerbaixán estaba no deber de responder". O Ministerio de Defensa turco tamén tomou unha posición moi similar, anunciando, a través dun comunicado publicado nas redes sociais, que "Armenia debe abandonar a súa actitude provocativa e agresiva que leva mantendo desde hai anos". 

O baleiro "ruso"

O principal aliado de Armenia é Rusia, con todo, dada a guerra en Ucraína, a Federación Rusa deixou de estar centrada en achegar axuda ao país armenio. Ademais, Acerbaixán é unha vía de entrada e saída de mercadorías e enerxía fundamental para os intereses rusos, polo que nestes momentos, Moscova mantense nunha posición relativamente neutral no conflito.

Un conflito con máis de 100 anos de historia

Para poder comprender o conflito entre Armenia e Acerbaixán é preciso remontarse a 1918, cando a República Democrática Federal de Transcaucasia (os actuais Acerbaixán, Armenia e Xeorxia) se disolvía. Desde entón, existiu unha tensión na zona que desencadeou nunha guerra en 1991 polo control do territorio de Nagorno-Karabaj entre Armenia e Acerbaixán que, na altura, deixaba segundo Nacións Unidas, até 35.000 mortos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios