Sánchez abre a porta ao recoñecemento 'unilateral' de Palestina se non hai consenso na UE

"Pagaría a pena e sería importante que o fixésemos xuntos, pero se iso non ocorre por suposto que España tomará as súas propias decisións", dixo hoxe, desde a cidade exipcia de Rafah. Israel chama a consultas os embaixadores español e belga polas súas declaracións das últimas horas.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, na súa visita ao kibbutz israelí atacado o 7 de outubro. (Foto: Nicolas Maeterlinck / Belga / DPA)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, na súa visita ao kibbutz israelí atacado o 7 de outubro. (Foto: Nicolas Maeterlinck / Belga / DPA)

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, abriu a porta a que o Estado español poida recoñecer de forma unilateral Palestina se outros socios europeos non apostan por un recoñecemento coordinado. Desde a cidade exipcia de Rafah, único paso fronteirizo aberto coa Faixa de Gaza, o presidente defendeu hoxe que "chegou o momento de que a comunidade internacional e especialmente a UE tomen unha decisión sobre o recoñecemento do Estado palestino".

"Pagaría a pena e sería importante que o fixésemos xuntos", afirmou. Porén, "se iso non ocorre" e non existe consenso no seo da Unión Europea, cuestión que se presenta complicada nestes momentos, "por suposto que España tomará as súas propias decisións", puntualizou. Nestes momentos, de feito, só nove dos 27 Estados membro da UE recoñecen Palestina: Suecia, Bulgaria, Chipre, República Checa, Hungría, Malta, Polonia, Rumanía e Eslovaquia.

Sánchez, que en toda a súa xira por Israel e Palestina estes dous últimos días estivo acompañado polo primeiro ministro belga, Alexander de Croo, reclamou novamente que a tregua temporal pactada por Israel e as autoridades palestinas en Gaza sexa agora permanente. Os dous xefes de Goberno tiveron ocasión de coñecer de primeira man como está a entrar a axuda humanitaria a Gaza por este paso, a cal se viu incrementada esta sexta feira tras a entrada en vigor da tregua mais que nas últimas semanas foi manifestamente insuficiente, tal e como veñen alertando varias oenegué e entidades internacionais sobre o terreo.

Un responsábel da Media Lúa Vermella explicoulles os desafíos loxísticos e de organización que supón todo o operativo. Cada día entran de media menos dun centenar de camións, pero coa tregua de catro días pactada espérase que poida incrementarse de forma substancial. Antes deste último estoupido do conflito hai menos de dous meses, porén, entraban máis de cen camións por día. E agora as necesidades son aínda maiores.

Esa axuda chega primeiro ao aeroporto do Arish, desde onde é cargada en camións. En total hai 700 camións á espera de entrar, moitos deles na cuneta da estrada que une ambos os puntos, pola que pasaron Sánchez e De Croo. Por este paso é por onde saíron nas últimas semanas os máis de 170 hispanopalestinos e os seus familiares que se atopaban atrapados en Gaza.

Esta mesma tarde Hamás anunciou a liberación dos primeiros doce reféns do total de 50 que se comprometeu a liberar a cambio da liberación de 150 prisioneiros palestinos, dos que 39 xa foron excarcerados, segundo informa a Sociedade de Presos Palestinos.

Israel chama a consultas os embaixadores de España e Bélxica

"O número de vítimas palestinas é insoportábel", afirmou Pedro Sánchez cando se reuniu esta quinta feira co presidente de Israel, Isaac Herzog, e o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu. Dixo tamén, en compañía do seu homólogo en Bélxica, Alexander de Croo, que "comprende" a "dor" israelí pero que as armas "non son a única resposta". Unhas palabras que semella que non sentaron ben en Tel Aviv, pois o Ministerio de Exteriores de Israel convocou hoxe os embaixadores de España e Bélxica como represalia.

Os israelíes entenden as palabras de Sánchez, ás que se suman as de hoxe avogado por recoñecer Palestina, como un "apoio implícito" ás accións de Hamás. "Israel está a actuar conforme ao dereito Internacional e loitando contra unha organización terrorista peor que Estado Islámico que comete crimes de guerra e crimes contra a humanidade", apuntou o departamento de Exteriores, nun comunicado, sen aludir a ningunha declaración especificamente.

O Ministerio encabezado por Eli Cohen reiterou que Israel ten previsto renovar os combates na Faixa de Gaza unha vez completado o actual acordo para liberar reféns a cambio de presos palestinos.

Comentarios