Aragonès mostrase confiado de que se aprobará a lei de amnistía: "É unha oportunidade única"

O acordo entre o PSOE e Junts para desencallar a lei de amnistía podería darse "en próximas horas", explicou Pedro Sánchez.
O president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonés, esta cuarta feira (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera O president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonés, esta cuarta feira (Foto: David Zorrakino / Europa Press).

O presidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, mostrou esta cuarta feira a súa confianza en que se aprobe definitivamente a lei de amnistía no Congreso español ao considerar que "é unha oportunidade única".

"A lei de amnistía é unha gran oportunidade. Espero que todos estean á altura da responsabilidade do momento. É unha oportunidade única atreveríame a dicir", respondeu á pregunta do líder de ERC no Parlament de Catalunya, Josep Maria Jové, na sesión de control na Cámara.

Para Aragonès, a lei de amnistía, unha vez sexa aprobada no Congreso español, permitirá recuperar dereitos e deixar atrás "unha represión que afectou e afecta a moita xente, e que moitos avalaron directa ou indirectamente".

"Por tanto celebro que hoxe haxa correccións neste sentido e se impulse e aprobe finalmente unha lei de amnistía para pasar á seguinte fase, que debe ser a cuestión de fondo", engadiu o president da Generalitat.

Antes, Jové tamén confiou en que a lei de amnistía saia adiante coa máxima seguridade xurídica: "E parece que, por desesperación dalgúns, isto poderá ser unha realidade moi pronto", vaticinou.

Cuestión de horas

O acordo entre o PSOE e Junts para desencallar a lei de amnistía é cuestión de horas, segundo informou RTVE. O Goberno estatal finalmente acepta incluír cambios no texto final da lei, segundo avanzou o presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, quen está convencido de que a norma xa beneficiaba a todos os vinculados co 'procés', mais aceptou modificacións a pedimento de Junts sen detallar o fondo das mesmas.

Á súa chegada ao Brasil, onde se reunirá co seu homólogo Lula da Silva, o presidente español asegurou, nunha conversación informal con xornalistas, que o PSOE e a formación do ex president catalán Carles Puigdemont están "perto do acordo", tanto que este podería darse "en próximas horas". A gran dúbida segue sendo até que punto vai cambiar o texto.

Comentarios