O CIS conclúe que EH Bildu superará o PNV nas eleccións vascas do 21 de abril

Sumar, Podemos e Vox poderían quedar fóra do Parlamento.
Enquisa da cuarta feira do CIS para as eleccións territoriais en Euskadi. (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Enquisa da cuarta feira do CIS para as eleccións territoriais en Euskadi. (Imaxe: Nós Diario)

EH Bildu desbancaría por primeira vez ao Partido Nacionalista Vasco (PNV) como forza máis votada nunhas eleccións vascas, sostén a enquisa de cara aos comicios do 21 de abril difundida a cuarta feira polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) español.

A sondaxe, baseada en case 5.000 entrevistas desenvoltas do 18 ao 22 de marzo, non ofrece unha distribución de escanos, polo que incluso no caso de vitoria abertzale non está garantido que se replique a nivel de asentos polas particularidades do sistema electoral de Euskadi, que outorga 25 escanos a cada un dos tres territorios históricos a pesar das diverxencias entre o número de habitantes, con catro veces mais poboación en Bizkaia que en Araba.

Amais de imporse en estimación de voto (34,2%-35,1%) ao PNV (32,6%-33,5%), tamén supera os jeltzales en máis de dous puntos no voto directo declarado ao CIS. Non habería mudanzas na terceira posición, que mantería o PSOE (13,3%-14,1%) por diante do Partido Popular (PP), con entre 6,7% e 7%.

Xusto no limiar marcado pola lexislación vasca, que exixe alcanzar 3% para obter representación nunha circunscrición, atópanse as coalicións de Sumar (3,1%-3,6%), Podemos (3,1%-3,2%) e a ultraespañolista Vox (2,7%-3%).

Con relación ao traballo demoscópico do CIS do pasado 1 de abril, o PNV perdería máis de dous puntos porcentuais, en paralelo a un incremento de máis dun punto na estimación de voto de EH Bildu. Esa enquisa, que si contou con distribución de escanos, asignaba 30-31 ao PNV, 28-29 para os abertzales, 10-11 para o PSOE, 5-6 para o PP,  0-2 para Sumar e 0-1 para Podemos e Vox.

En todo caso, os datos de onte consolidan o candidato de EH Bildu, Pello Otxandiano, como o mellor valorado con 5,51 sobre 10. Moi perto atópase Imanol Pradales, que encabeza a candidatura do PNV, con 5,47. Tamén lidera as respostas a quen se preocupa máis polos problemas de Euskadi, tamén lixeiramente por diante de Pradales (25,7% e 24,8% respectivamente).

Así e todo, apenas 14,4% das persoas enquisadas afirmaron que darán prioridade ás candidatas e candidatos á hora de emitir o voto, con case 72% defendendo que o seu sufraxio estará máis vinculado co partido político.

Poucas horas antes de facerse público o informe do CIS decorreu o primeiro debate electoral, ao que non asistiron Otxandiano, Pradales ou Miren Gorrotxategi, de Podemos, substituídos por outros membros da candidatura, nunha discusión que pivotou arredor das críticas á xestión do PNV -que goberna en coalición co PSOE- no Executivo vasco.

Nese sentido, Nerea Kortajarena, que lidera a candidatura abertzale en Gipuzkoa, estendeu as responsabilidades á forza estatal ao abordar temas como o da vivenda, unha das principais preocupacións da poboación.

Comentarios