Euskal Herria

Eleccións vascas: o CIS apunta cara a unha vitoria do PNV malia a forte suba de EH Bildu

O Partido Nacionalista Vasco apenas sufriría desgaste e moveríase entre 30 e 31 representantes mentres que a coalición abertzale tería 28/29 cadeiras no Parlamento, en 2020 obtivo 21.

Imanol Pradales Gil. (Foto: Deputación de Bizkaia)
photo_camera Imanol Pradales, candidato do PNV. (Foto: Deputación de Bizkaia)

O PNV volvería gañar as eleccións en Euskadi e apenas sufriría desgaste após case 4 décadas gobernando de maneira ininterrompida. Esta é a conclusión da enquisa do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) que se publicou esta segunda feira.

A formación nacionalista obtería entre 30 e 31 deputados e deputadas, os mesmos ou 1 menos dos que posúe actualmente (30). O CIS outorga ao PNV 36,1% dos votos, unha baixada de 3 puntos a respecto de 2020 (39%).

 

EH Bildu sería a segunda forza, con 28 ou 29 parlamentarios e parlamentarias, fronte aos 21 obtidos nos comicios de hai catro anos, segundo a enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). A coalición abertzale aumentaría de maneria notábel os seus apoios, ao pasar de 27,9% dos sufraxios logrados en 2020 a 33% que obtería nos comicios de abril.

O CIS estima que o PSE-EE repetiría na terceira posición, cos seus actuais dez representantes ou incluso un máis. Con estes resultados o PNV e PSE-EE poderían repetir coalición de goberno como nas dúas lexislaturas anteriores e contar con maioría absoluta (38). O PP, pola súa parte, lograría cinco ou seis representantes,  mentres que nos comicios de xullo de 2020 obtivo seis en coalición con Cs.

A sondaxe calcula que Sumar podería lograr de 0 a 2 escanos e Elkarrekin-Podemos ficar con 1 ou ningún, fronte aos 6 representantes que obtivo nos anteriores comicios vascos a coalición de Podemos e Esker Anitza-EU. Finalmente, Vox, que tivo unha parlamentaria na última lexislatura, podería mantela ou quedar sen representación.

O estudo, realizado entre 18 e 22 de marzo, fundaméntase nun total de 4.998 entrevistas telefónicas desenvolvidas en 207 concellos vascos dos tres territorios (2.443 en Bizkaia, 1.727 en Gipuzkoa e 828 en Araba).

Este estudo do CIS fíxose público cinco días despois de que se difundise a última sondaxe electoral elaborado polo Goberno vasco, segundo o cal PNV e EH Bildu empatarían a 29 escanos, PSE (10) e PP (6) manterían a súa representación e Sumar lograría un representante, mentres que Elkarrekin Podemos-AV/AV e VOX quedarían fóra do Parlamento Vasco.

Comentarios