Euskadi

Falece o ex lehendakari José Antonio Ardanza

Durante os seus 14 anos á fronte o Executivo de Euskadi impulsou o Pacto de Ajuria Enea.
O ex lehendakari José Antonio Ardanza (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ex lehendakari José Antonio Ardanza (Foto: Europa Press).

O ex lehendakari José Antonio Ardanza faleceu esta segunda feira pola tarde aos 82 anos de idade no seu domicilio de Gauztegiz Arteaga, en Urdaibai (Bizkaia). Durante os seus 14 anos á fronte o Executivo de Euskadi impulsou o Pacto de Ajuria Enea (acordo para a normalización e pacificación de Euskadi).

Ardanza naceu na localidade biscaíña de Elorrio en 1941. Estudou Dereito na universidade de Deusto e traballou durante anos como asesor legal na Caixa Laboral. En 1979 deu o salto á política, para exercer de alcalde en Arrasate (Gipuzcoa).

En 1985, tras a escisión de Eusko Alkartasuna do PNV e a dimisión do entón lehendakari Carlos Garaikoetxea, foi designado novo presidente do Goberno Vasco. Antes de facerse cargo da Lehendakaritza, Ardanza foi alcalde de Arrasate e liderou a Deputación Foral de Gipuzkoa.

Foi a persoa que durante máis tempo exerceu de lehendakari, durante 14 anos, e retirouse da primeira liña política nas eleccións de 1999, nas que lle substituíu como candidato do PNV Juan José Ibarretxe. Posteriormente, foi presidente de Euskaltel.

O melón constitucional

Ante o inminente anuncio de tregua da ETA en 1998 froito da súa política de "pacificación", Ardanza recibiu en Ajuria Enea ás delegacións de Galeuzca (BNG, PNV e CiU) que se reunían en Bilbao. Naquel momento, o ex lehendakari afirmaba de que chegara a hora de “abrir o melón constitucional”.

"Aquel foi un momento fermoso. Nós tiñamos noticias do comunicado que ía dar a coñecer a ETA, mais non podíamos dicir nada polo temor de que se botasen atrás, mais notábasenos ilusión e confianza", explicaba sobre aquela situación Ardanza nunha entrevista en 2006 de Xan Carballa no semanario A Nosa Terra.

"Cando un nacionalista está falando de abrir o melón fala do seguinte: señores, aquí fíxose unha transición e nela, cando  críamos ter pactada de abondo a Disposición Adicional Primeira da Constitución e nos preparábamos para darlle o 'si' ao texto, atopamos a última hora un revés, cando unha noite chegou Fernando Abril Martorell e dixo que daquela Disposición nada, que non se podía aprobar e todo mudaba. O PNV decide entón non apoiar a Constitución e chama á abstención. Aí temos un certo pecado orixinal da situación que despois se viviu do punto de vista da normalización política", engadía.

Comentarios