Entrevista

Oskar Matute, deputado de EH Bildu: "As forzas soberanistas temos a chave da gobernabilidade do Estado"

Oskar Matute (Barakaldo, 1972) é líder de Alternatiba, formación integrada en Euskal Herria Bildu. Vén de participar en Vigo no ciclo de charlas organizadas pola plataforma Ecoar co título "Violencia corporativa e resistencias colectivas", onde salientou a importancia da soberanía dos pobos.
O congresista Oskar Matute no Café de Catro a Catro en Vigo. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera O congresista Oskar Matute no Café de Catro a Catro en Vigo. (Foto: Xan Carballa)

—Até que punto o poder das organización e as empresas transnacionais é omnímodo e capaz de impor a axenda pública?
As lexislacións internacionais xiraron para se adaptar a elas, que son ferramentas para manter a guerra dos ricos contra os probes. Unha realidade de marxinación e exclusión dos sectores que eles consideran menos produtivos, ben porque non consomen ou non producen na calidade que lle exixen, pero que no fondo é un proceso de espoliación continua. Se analizamos as leis que se fixeron vemos que se adaptan a elas, e son estas corporacións as que determinan como se acumula a riqueza e se mantén en poucas mans.

Até tal punto é así que mesmo a democracia lles é un estorbo. Os Estados democraticamente constituídos son un obstáculo para ese desenvolvemento das transnacionais e iso alimenta simultaneamente o risco dun neofascismo que promove Estados totalitarios e constitucións que máis que salvagardar os dereitos humanos son lexislacións económicas que custodian a súa posición de espolio. É o conflito entre o capital e a vida.

—Mandan as transnacionais máis que os propios Estados?
En moitas ocasión si. Miremos Grecia, que se expresou en referendo, co Goberno de Tsipras e Syriza, e impuxéronlle igualmente unha axenda de devolución da débeda que lle roubou os recursos públicos e levounos a unhas medidas ríxidas que os empobreceu gravemente. E no caso do Goberno ultradereitista de Orban en Hungría miran para outro lado e danlle permisividade completa para rexeitar os cupos que lles tocan de acollemento de refuxiados. É un contexto no que os dereitos humanos son de rango inferior aos do mercado.

—A Unión Europea está funcionando tamén como transnacional?
Europa xoga o papel de almacén de loxística das transnacionais. A balanza económica de Europa cos países empobrecidos é beneficiosa para Europa, que dá moito menos do que leva, moitas veces vía espolio, deses países aos que supostamente axuda ao desenvolvemento. Europa tería que decidir se quere seguir baixo a orde unipolar que impoñen os Estados Unidos, unha lóxica atlantista e unha globalización que leva por diante os dereitos, os pobos e as identidades, ou se quere defendelos. E facelo desde unha acción non excluínte e xenófoba, de pobos con cultura democrática e de preservación dos dereitos da xente.

—A que se refire con soberanía como contrapoder?
Creo na Europa dos pobos e que preserven a súa soberanía. E nós, que somos unha nación sen Estado, queremos atopar a través de Europa a posibilidade de situar a nosa nación con capacidade de Estado para defender os nosos cidadáns e cidadás. Pero somos conscientes que hoxe é unha Europa deseñada ao servizo e ditado das necesidades do mercado. Ten moito que mudar.

—E nos termos xeopolíticos actuais, case nunha situación prebélica e con gastos militares disparados, é un horizonte realista ou viábel?
É a opción que nos queda aos que non nos conformamos. Non sei se é fácil ou difícil pero o noso compromiso militante, a forma de entender a vida e de relacionarnos cos demais ten que ver con que deamos a batalla e pelexemos. Rexeitamos aceptar o mal menor e non abxuramos das nosas ideas de esquerda e independentistas.  Hai unha escala armamentística que alerta dunha posíbel guerra mundial, pero xa en 2018, co aumento de tensión en Ucraína e non era ese o horizonte, decidiron que había que chegar a 2% do PIB mundial en gasto militar. Hai unha axenda de intencionalidade para levarnos a un estado se shock que faga que traguemos calquera cousa por medo a escaladas militares ou hipotéticas invasións.

—Nesta lexislatura con enfrontamentos feroces, pode abrirse paso a idea da plurinacionalidade, despois dos avances do nacionalismo en Catalunya, Euskadi e Galiza?
Co fascismo e o neofascismo non hai posibilidades para as nosas aspiracións. Esa é primeira liña de fronte: frear a extrema dereita (Vox) e a dereita extrema (PP). Partindo de aí non vai ser fácil, porque a pulsión plurinacional do Estado non existe nin sequera nas esquerdas. Non hai unha tradición xacobina como a francesa, pero é un Estado cunha pulsión centralista moi grande. As forzas políticas estatais ven nacionalismo por todas partes menos nelas, cando son quen impoñen a súa visión nacional a aqueles que nacemos, crecemos ou nos autopercibimos cunha dimensión nacional diferente. Por iso é un camiño difícil, pero tamén é un escenario de oportunidades. Hai anos cualificábannos tolos cando dicíamos que as esquerdas soberanistas e independentistas teríamos a chave da gobernabilidade no Estado español, pero o tempo deunos a razón. 

Abril electoral en Euskadi

Para Matute, a cita electoral do 21 de abril é unha boa oportunidade, pero sabedores de que un acordo PNV-PSE é posíbel aínda sendo Bildu primeira forza. "A máxima que transmitimos á nosa militancia e á enorme capilaridade do país á que chegamos é que temos que actuar con paciencia estratéxica". Confían en ser maioritarios pero sobre todo hexemónicos, "e iso non o conseguimos con triunfos precarios, senón construíndo unha base para que cando cheguemos ao Goberno o fagamos con suficiencia para non ser títeres sometidos a chantaxe".

Explica a Nós Diario que non se amosan preocupados pola dobre posición do PSE-PSOE á hora de pactar, "teremos paciencia estratéxica  e seguiremos paso a paso camiñando cara a unha vitoria das clases populares, do que antes de se chamaba movemento de liberación nacional vasco, sexa agora ou en catro anos".

Comentarios