A China e Rusia tomban un alto o fogo en Gaza proposto polos EUA

Advirten da "hipocrisía" e da "politización" da iniciativa.
Crianza ferida en Gaza. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Crianza ferida en Gaza. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)

A ambigua proposta de resolución presentada polos Estados Unidos no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU), que consideraba “imperativo” un alto o fogo “inmediato” vinculado á liberación das persoas israelís detidas no territorio palestino da Faixa de Gaza, foi rexeitada a sexta feira no organismo polo veto de Rusia e a China, que votaron en contra da moción canda Alxeria, o único país árabe do ente.

Tras a alocución da embaixadora estadounidense, Linda Thomas-Greenfield, centrada en atacar Hamás e a operación da resistencia palestina do 7 de outubro pasado, Vasili Nebenzia, o representante ruso, arremeteu contra Washington por unha proposta “hipócrita e altamente politizada” que apenas pretende “aplicar a súa política na rexión”, denunciando que “deixaría as mans libres a Israel e provocaría que toda Gaza e a súa poboación tivese que enfrontar a destrución ou a expulsión”.

Washington preme tras ser premido

A proposta estadounidense produciuse no marco do aumento da presión contra o Goberno de extrema dereita israelí, que obstaculiza de forma sistemática as negociacións con Hamás para estabelecer un alto o fogo no enclave, tras as críticas internas e externas contra Washington por continuar a armar e a apoiar na práctica a agresión militar sionista, que persoas expertas da ONU cualifican como unha limpeza étnica e un xenocidio.

Nese sentido, e despois de asasinar máis de 32.000 palestinas e palestinos, arredor da metade crianzas, e danar ou destruír 35% de todas as estruturas en Gaza, Israel insiste en que asaltará Rafah, onde se concentra máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes da Faixa, que chegaron fuxindo dos bombardeos indiscriminados contra civís e do intento de invasión israelí.

Israel advirte que está disposta a ruptura cos EUA

Perante a negativa de Washington a avalar o asalto terrestre á urbe mentres a fame xa matou unha trintena de crianzas, e milleiros de persoas poderían morrer de inanición proximamente, alertou a ONU ante o bloqueo israelí á entrada de axuda humanitaria, o réxime de apartheid sionista trasladou que está disposto a arriscarse a unha ruptura cos Estados Unidos, o seu principal aliado e provedor de armas, así como o seu sostén diplomático ante un potencial illamento.

Finalmente, a Unión Europea, outro aliado sionista, segue sen demandar un alto o fogo e aprobou solicitar unha “pausa humanitaria”, a pesar de que o secretario xeral da ONU, António Guterres, acababa de pedir que o bloque comunitario evitase a dobre vara de medir en Palestina e Ucraína.

Comentarios