China pide ás partes implicadas na guerra en Ucraína que retomen o diálogo "sen condicións"

O ministro de Exteriores chinés reuniuse co seu homólogo ruso, Sergej Lavrov, e co Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell.
O ministro de Exteriores chinés, Wang Yi. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ministro de Exteriores chinés, Wang Yi. (Foto: Europa Press)

O ministro de Exteriores do Goberno chinés, Wang Yi, exixiu ante o Consello de Seguridade de Nacións Unidas que as partes implicadas na guerra en Ucraína retomen o diálogo “sen condicións” e eviten ataques contra instalacións e civís.

“China seguirá mantendo unha posición obxectiva e xusta para promover as conversas de paz”, asegurou Wang Yi, ao tempo que insistiu en que agarda que “as partes non abandonen os esforzos de diálogo e insistan  en resolver os problemas de seguridade mediante conversas de paz”.

O responsábel de Exteriores chinés volveu pedir “neutralidade” ás axencias das Nacións Unidas e engadiu que calquera investigación sobre crimes de guerra en Ucraína debe basearse “en feitos” non politizados e non en “presuncións de culpa”.

Wang reuniuse hoxe co Alto Representante da Unión Europea para Política Exterior, Josep Borrell, e mañá será a quenda dunha xuntanza co secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, co obxectivo de analizar a situación en Ucraína e tratar as tensións en Taiwán.

Reunión con Borrell

Durante a reunión con Borrell, o representante da Unión Europea demandou ao ministro chinés que “empregue a súa influencia sobre Moscova para pór fin á guerra” en Ucraína.

Tamén esta quinta feira, Wang Yi reuniuse co seu homólogo ruso, Sergej Lavrov. O dirixente chinés volveu pedir a Lavrov que Rusia non desbote por completo as negociacións de paz, ao tempo que trasladou o seu apoio a Moscova ante os intentos de illar internacionalmente Rusia.

O ministro de exteriores de China fixo referencia á petición do presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, de retirar a Rusia o dereito a veto no Consello de Seguridade da ONU. “Ninguén pode privar Rusia deste dereito”, sentenciou Wang Yi.

Comentarios