As repúblicas de Donetsk e Lugansk convocan un referendo este mes para a adhesión destes territorios a Rusia

A cita electoral, cuxa validez non acepta o Goberno ucraíno, decorrerá entre o 23 e o 27 de setembro.
Denis Pushilin, líder da República Popular de Donetsk. (Foto: Sergey Averin / Sputnik)
photo_camera Denis Pushilin, líder da República Popular de Donetsk. (Foto: Sergey Averin / Sputnik)

O que se presentaba como un segredo a voces é xa unha realidade. As autoridades das autoproclamadas repúblicas de Donetsk e Lugansk, na rexión do Donbass, veñen de convocar senllos referendos populares de adhesión á Federación Rusa para este mesmo mes de setembro, logo de que os seus respectivos parlamentos avogasen por dar este paso na segunda feira.

Denis Miroshnichenko, presidente da Cámara de Lugansk, foi o primeiro en anunciar a convocatoria e, pouco tempo despois, o seu homólogo no Parlamento de Donetsk, Alexei Kofman, seguiu os seus pasos.

"Queremos que a fronteira rusa estea entre nós e Ucraína. Queremos formar de novo parte da 'gran patria', Rusia. O pobo do Donbass meréceo", sostén a moción parlamentaria aprobada e asinada por Kofman.

Na mesma liña, o documento insta o líder do Consello Popular da República Popular de Donetsk, Denis Pushilin, a adoptar a "histórica e correcta" decisión de convocar o referendo con carácter inmediato. Realizaranse entre o 23 e o 27 de setembro.

Tamén o Consello Cívico instalado por afíns ás autoridades de Donetsk e Lugansk na rexión de Kherson presentou nesta terza feira unha iniciativa para chamar tamén a cidadanía ás urnas.

Pola súa parte, o Goberno ucraíno aínda non se pronunciou a respecto destas citas electorais, se ben rexeitou en reiteradas ocasións a validez das mesmas.

Comentarios