As decisións económicas da China e o pacto nuclear no Irán motivan unha rebaixa do cru

O barril de Texas chegou esta segunda feira a marcar valores mínimos en medio ano.
Josep Borrell (UE) e Hosein Amirabdolahian (Irán), nunha reunión (Foto: Zuma Press / Contacto Photo).
photo_camera Josep Borrell (UE) e Hosein Amirabdolahian (Irán), nunha reunión (Foto: Zuma Press / Contacto Photo).

O cru sufriu esta segunda feira unha caída nos mercados internacionais despois das informacións chegadas desde a China, que anunciou unha caída nos xuros, e do potencial avance nas negociacións para un pacto nuclear no Irán que se traduza na introdución do petróleo iraniano no mercado mundial.

O barril de Texas tivo caídas de até 5,7% na segunda feira e chegou a estar en menos de 87 dólares o barril, o prezo máis baixo en medio ano. Ao fechamento da xornada, a caída suavizouse até 4,5% e o seu prezo rondou os 88 dólares.

O mercado global do petróleo retrocedeu despois de que a China anunciase por sorpresa unha baixada nalgúns dos tipos de xuro chave, como resultado dos seus últimos datos económicos. 

O crecemento da economía chinesa ofreceu esta segunda feira signos de desaceleración, despois de que a oficina estatística do Estado asiático publicara datos de consumo polo miúdo e de produción industrial para o mes de xullo por baixo das referencias do mes anterior. 

As vendas do comercio polo miúdo da China rexistraron en xullo un crecemento interanual de 2,7%, catro décimas menos que no mes anterior, mentres que no acumulado dos sete primeiros meses do ano estas vendas retrocederon 0,2% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Pola súa parte, a produción industrial do Estado chinés aumentou un 3,8% interanual, unha décima menos do incremento observado en xuño.

Ante unha potencial desaceleración da actividade máis intensa do esperado, o Banco Popular da China (BPC) decidiu esta segunda feira de maneira inesperada recortar dúas das súas principais referencias para os préstamos ás entidades bancarias do país.

Deste modo, o banco central chinés rebaixou en dez puntos básicos, até 2% desde 2,10%, a taxa aplicada ás operacións de recompra inversa con vencemento a sete días, mentres que situou en 2,75% desde 2,85% a taxa aplicada aos préstamos a medio prazo con vencemento a un ano.

Pola súa parte, o Goberno iraniano prevé trasladar nas próximas horas á Unión Europea (UE) a resposta á última proposta para reactivar o errado acordo nuclear de 2015, sen que se descarte a estas alturas un futuro pacto cos Estados Unidos de América (EUA) tras anos de ruptura.

O ministro de Exteriores do Irán, Hosein Amirabdolahian, ve factíbel que "nos próximos días" haxa un achegamento "se os EUA demostran un enfoque realista e flexibilidade" nunhas negociacións nas que a UE exerce a mediación. O éxito nas conversas podería contribuír a un aumento na oferta global de petróleo e a unha baixada dos seus prezos.

Comentarios