As chaves da guerra no Iemen despois do fin da tregua

Após seis meses de tregua, o conflito no Iemen está en marcha outra vez. Nós Diario achega as chaves dunha guerra na que Arabia Saudita leva estancada sete anos.
Edificio destruído en Saná (Iemen) por un bombardeo en marzo do pasado ano, antes de asinarse a tregua. (Foto: Hani Al-Ansi / dpa)
photo_camera Edificio destruído en Saná (Iemen) por un bombardeo en marzo, antes de asinarse a tregua. (Foto: Hani Al-Ansi / dpa)

Esta semana expirou a tregua no Iemen, vixente desde o 2 de abril, entre os hutís –grupo armado iemení no que predomina a poboación zaidí xiíta- e a autodenominada “coalición internacional”, liderada por Arabia Saudita e na que están presentes principalmente países do golfo Pérsico como Bahrein, Kuwait, Catar ou os Emiratos Árabes Unidos, e que conta co apoio dos Estados Unidos, que ten á ditadura dos Saud como o seu maior comprador de armas.

A reactivación dos combates en media ducia de puntos do país pouco despois non evita que as negociacións continúen, sinalou o enviado especial da Organización das Nacións Unidas para o Iemen, Hans Grundberg, que reclamou ás partes “calma e contención” para evitar unha nova escalada da violencia após oito anos de guerra.

Quen son os hutís?

Ansar Alá (os partidarios de Deus), son un grupo armado do norte do Iemen que comezou a operar en 1994, principalmente oposto ao control do país por Arabia Saudita e vencellado por motivos relixiosos co Irán. A organización sostén defender a xustiza social e o antiimperialismo. Nese sentido, co fin da tregua exixiron a todas as petroleiras estranxeiras no Estado que deixen de operar ou serán atacadas por “saquear a riqueza soberana do Iemen”, publica Al-Masirah.

O grupo controla o oeste do Iemen, case todo o territorio do antigo Iemen do Norte, a zona onde reside a meirande parte da poboación iemení, incluída a capital, Saná, e medrou desde uns 2.000 combatentes na década de 1990 até arredor de 150.000 na actualidade.

Un país dividido a pesar da unificación

En 1990, a República Democrática Popular do Iemen (primeiro Estado socialista da rexión, no sueste do actual Iemen) unificouse coa República Árabe do Iemen (noroeste). Porén, apenas catro anos despois produciuse un intento do sur por independizarse, ao crearse a breve República Democrática do Iemen cunha guerra civil de por medio.

En 2007, o Movemento do Sur volve impulsar a secesión e desenvolve unha axenda política propia, que remata co apoio ao presidente Abd Rabbuh Mansur al-Hadi en 2014 (considerado o mandatario lexítimo por Riad) no comezo das hostilidades abertas contra os hutís, aliados daquela co ex presidente Ali Abdullah Saleh, nuns intres de grande inestabilidade política e entre asasinatos da poboación civil que protestaba pola situación a mans das forzas de seguridade do Estado, denunciou Amnistía Internacional.

Na actualidade, o Consello de Transición do Sur, con capital en Adén, controla case todo o sur do país, mentres que a coalición internacional (Goberno de al-Hadi) ten a maioría do resto do territorio, con pequenas zonas controladas por Al Qaeda.

A peor crise humanitaria no planeta

Segundo a Organización das Nacións Unidas, a situación no Iemen constitúe a peor crise humanitaria do mundo. Arredor de 400.000 persoas morreron directa ou indirectamente por mor da guerra e 24 millóns de iemenís precisan axuda humanitaria urxente, 80% da poboación do país.

Aínda que a crise humanitaria persiste, a tregua permitiu reabrir estradas, un maior acceso de combustíbel e de axuda humanitaria, así como unha baixada do 60% nas vítimas civís, aseguran as organizacións non gobernamentais que traballan na zona.

Arabia Saudita e Irán

O enfrontamento entre Riad e Teherán para liderar Asia Occidental intensifícase ao ser un deles un dos principais países sunnitas do mundo (o sunnismo é a corrente principal do Islam, porén, en Arabia Saudita aplícase o wahabismo, unha interpretación especialmente extrema) e o outro o Estado referente da corrente xiíta.

Esta rivalidade levou Arabia Saudita a chegar a acordos con Israel para bloquear Irán, que ao tempo está declarado por Tel Aviv como o seu maior inimigo.

En 2015, comezou co ataque terrestre e aéreo contra as rexións controladas polos hutís para tratar de restaurar o sunnita al-Hadi no poder, utilizando amais mercenarios de Estados como Panamá, O Salvador, Chile, México, Reino Unido, Francia ou Australia.

O Yemen Data Project salienta que, desde ese ano, foron efectuados máis de 25.000 bombardeos aéreos contra o país, 8.000 deles correspondentes a obxectivos militares, provocando case 9.000 mortes directas de civís.

O impulso hutí

En 2017, o ex presidente Saleh racha o acordo cos hutís e reclama aos seus combatentes que acaben co grupo. Dous días despois, Saleh foi asasinado e os seus seguidores derrotados. Desde ese intre, os hutís consolidan o seu control sobre o territorio e comezan a expandir as súas posicións, até o estancamento da liña de contacto actual, tras non ser quen de facerse con Marib.

A tecnoloxía presuntamente proporcionada por Teherán -que o nega-, e mellorada polos mesmos hutís, permítelles atacar con drons e mísiles infraestrutura saudita. En 2019, un ataque contra instalacións petrolíferas no centro de Arabia Saudita obrigou Riad a suspender de maneira temporal a produción nestas plantas, responsábeis do 8% do petróleo a nivel mundial.

Comentarios