O presidente de Iemen ofrece dialogar a paz e reconstruír o Estado aos hutíes

A oferta para estabelecer diálogos de paz por parte do presidente de Iemen chega despois dun alto o fogo durante o mes de Ramadán impulsado polos hutíes.
Dous homes inspeccionan os estragos ocasionados por un ataque aéreo na rexión iemení de Saná. (Foto: Hani Al-Ansi / Dpa)
photo_camera Dous homes inspeccionan os estragos ocasionados por un ataque aéreo na rexión iemení de Saná. (Foto: Hani Al-Ansi / Dpa)

A guerra en Iemen enfronta ao Goberno, apoiado por unha coalición internacional liderada por Arabia Saudita, e aos hutíes, apoiados por Irán. Os hutíes controlan Saná e zonas do norte e o oeste do país, mentres que o Estado iemení o resto do territorio.

O conflito sufriu un agravamento en varias frontes durante os últimos meses a pesar dos esforzos internacionais de mediación, nunha guerra que provocou a considerada maior crise humanitaria mundial.

O presidente de Iemen, Abdo Rabbu Mansur Hadi, fixo un chamamento aos hutíes para volver á mesa de negociacións para lograr un acordo de paz, días despois do anuncio dunha tregua con motivo da celebración do mes de Ramadán.

"Pídolles que, como un compoñente político de Iemen que respecta os principios republicanos nacionais, a unión e a democracia, volvan ás negociacións para lograr a paz para o pobo iemení", sinalou.

"Volvamos construír o Estado civil e federal de Iemen que acordamos crear na Conferencia de Diálogo Nacional", manifestou o presidente iemení, antes de pedir aos hutíes que se "distancien dos plans destrutivos de Irán" e traballen para "sanar as feridas do país".

A tregua foi promovida polos hutíes 27 de marzo

A tregua estabelecida entre as partes enfrontadas durante o mes de Ramadán foi promovida polo líder dos hutíes iemeníes, Mahdi al Mashat, o pasado 27 de marzo, e respondida afirmativamente pola coalición que lidera Arabia Saudita a 30 de marzo.

Al Mashat tamén propuxo convertila "nun compromiso final e permanente" en troque de que Arabia Saudita cese os bombardeos e deixe de respaldar milicias que lle son leais no territorio iemení.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios