Iemen, inferno en vida para a infancia

O conflito bélico no Iemen –en realidade, unha guerra indirecta entre Arabia Saudí e o Irán– non cesa. Case sete anos despois, a cifra de mortes continúa a aumentar e a ONU cualificouna nos últimos tempos, incluíndo este 2021, como "a maior crise humanitaria" no Planeta. Os Estados que se benefician dela, di, non axudan.
yemen_un-giles_clark
photo_camera Un home desprazado pola guerra camiña cun neno en colo polos arredores de Marib, obxectivo da ofensiva houth (Foto: Giles Clark / ONU)

"O Iemen é o lugar do mundo máis duro para un menor. E aínda que pareza mentira, a situación está a empeorar", declarou onte en Xenebra James Elder, portavoz de Unicef, que acaba de regresar dunha visita ao país árabe.

"O conflito acaba de alcanzar outro vergoñento fito. Xa son 10.000 crianzas mortas ou mutiladas desde ─remarcou, facendo unha pausa─ marzo de 2015". En menos de sete anos, miles de cativos perderon a vida ou ficaron eivados fisicamente de por vida.

Foi nesa data de marzo de 2015 que unha coalición militar liderada por Arabia Saudí ─en colaboración con Emiratos Árabes Unidos (EAU), e apoiada pola intelixencia estadounidense─ lanzou unha operación militar contra o movemento rebelde houthi, aliado do Irán, tras este derrocar o Goberno a finais de 2014.

A influencia iraniana foi precisamente a principal razón para que naquela altura, con Barack Obama na Casa Branca, os EUA amparasen a intervención militar. Unha colaboración, a través de información e de venda de armamento, que continuou durante o Goberno de Donald Trump. 

Este último, nunha das súas decisións finais máis criticadas, designou os houthi (oficialmente, Ansar Alá) organización terrorista o 19 de xaneiro, un día antes de Joe Biden asumir o cargo. Un mes despois, o actual presidente estadounidense revogaba aquela decisión e abría unha fiestra á esperanza do final desa guerra.

Bombas

Porén, oito meses despois pouco ou nada mudou. Malia a súa promesa de "acabar co apoio dos EUA ás operacións ofensivas no Iemen" e de suspender a venda de armas, a coalición segue a bombardear potabilizadoras de auga, instalacións alimentarias ou grúas de descarga da axuda humanitaria dos barcos (Iemen importa 80% dos alimentos).

Segundo o proxecto independente Yemen Data Project, dedicado a recompilar datos do conflito, en setembro leváronse a cabo 157 bombardeos, con nove civís falecidos. E desde marzo de 2015 até o mes pasado, acumúlanse 23.627 ataques aéreos, que deixaron 18.625 vítimas mortais civís.

A representante do Partido Demócrata no Congreso estadounidense, a esquerdista Alexandria Ocasio-Cortez, presentou a mediados de setembro unha serie de emendas aos orzamentos en Defensa dos EUA, exixindo a fin da retomada venda de armas a Arabia Saudí (e a Israel ou Colombia). 

Fame

Ademais, Arabia Saudí continúa cun bloqueo, estabelecido para frear a importación de armas, que afecta os alimentos e medicamentos, moitos imposíbeis de conseguir. A ameaza de fame severa entre a poboación, á que tamén colaboran os houthi con chantaxes e extorsións no reparto da axuda, intensifícase.

O último informe do Programa Mundial de Alimentos (PMA), publicado na segunda feira, ofrece tres datos alarmantes: dos 30 millóns de habitantes do Iemen, 20,7 millóns precisan axuda humanitaria; 16,2 millóns sofren inseguridade alimentaria (sen acceso garantido a comida nun día); e 47.000 persoas xa padecen fame.

E dentro deste inferno en vida, as crianzas afogan no caldeiro do diaño. Son catro de cada cinco ─un total de 11 millóns─ as nenas e nenos que precisan axuda humanitaria, mentres que 400.000 están desnutridos e 2 millóns non van á escola, de acordo cos datos achegados onte por James Elder. 

"O fluxo de armas ten que parar xa", exixe a ONU sobre a venda de terceiros países

Riad informou nas últimas horas do abatemento de 150 milicianos houthi tras 38 operacións en 24 horas, desde o domingo, na estratéxica provincia de Marib, derradeiro bastión do Goberno derrocado polos rebeldes xiítas. "Dada a horríbel peaxe que a guerra continúa a cobrar á poboación iemení, non ten lóxica ningunha que terceiros Estados sigan a subministrar ás partes con instrumental de guerra. O fluxo de armas ten que parar xa", exixía Kamel Jendoubi, presidente do panel de expertos sobre o Iemen, ante o Consello de Dereitos Humanos en setembro. Na presentación do informe solicitada polo organismo da ONU, culpou ambas as partes da situación. Algo que vén denunciando desde hai anos: "Os civís non morren de fame, están a ser esfameados polas partes en conflito", sinalaba en decembro pasado neste mesmo foro. 

Comentarios