Iemen, o país co maior risco de catástrofe humanitaria

A lista de IRC para 2021, ordenados do primeiro ao último polo risco, complétase con Afganistán, Siria, República Democrática do Congo,  Etiopía, Burkina Faso, Sudán do Sur, Nixeria, Venezuela e Moçambique. 

iemen_unicef
photo_camera Un neno iemení nas ruínas dunha escola (Foto: Unicef)

O Iemen é o país que corre un maior risco de sufrir unha catástrofe humanitaria en 2021, segundo alertou o Comité Internacional de Rescate (IRC, nas siglas en inglés). É o terceiro ano consecutivo que o Estado árabe se sitúa no alto desta sombría lista de dez países. IRC é unha ONG fundada por Albert Einstein en 1933 co fin de se opor ás políticas raciais de Adolf Hitler.​ A súa finalidade é axudar as persoas perseguidas por motivos étnicos, políticos ou relixiosos.

O conflito bélico continuado, o avance da fame e o colapso da axuda humanitaria ameazan con empeorar dramaticamente a situación en 2021, sinalou onte IRC. A todo isto sumouse nas últimas horas un novo surto da praga de lagostas do deserto

En declaracións a Al Jazeera, Tamuna Sabadze, director de axuda humanitaria da ONG, sinalou que era necesario "maior compromiso do que vemos hoxe" por parte dos actores internos, rexionais e globais na procura da fin do conflito.

"24 millóns de persoas teñen algún tipo de necesidade humanitaria ─sexa alimentos, protección, servizos sanitarios ou educación─", sinalou.

A directora executiva de Unicef alertaba hai uns días: "Máis de 80% da poboación require axuda humanitaria urxente e protección. Incluídos 12 millóns de nenas e nenos, cuxas vidas son un pesadelo andante."

Lista de 10 + 10 países

A lista de IRC para 2021, ordenados do primeiro ao último polo risco, é: Iemen, Afganistán, Siria, República Democrática do Congo,  Etiopía, Burkina Faso, Sudán do Sur, Nixeria, Venezuela e Moçambique. 

Outros dez países foron incluídos, mais sen ordenar por termos de gravidade: Camerún; República Centroafricana, Chad, Colombia, Líbano, Malí, Níxer, Palestina, Somalia e Sudán.

Comentarios