Outras guerras, os mesmos crimes

Conflitos no mundo, alén de Ucraína, e o papel das superpotencias.
EuropaPress_4260960_18_february_2022_palestinian_territories_nablus_palestinian_protesters
photo_camera Enfrontamentos entre palestinos e forzas de seguridade israelí na vila de Beita, próxima á cidade cisxordana de Nablus, o 18 de febreiro (Foto: Shadi Jarar'ah / APA Images)

A invasión de Ucraína por parte de Rusia non é o único conflito bélico activo no mundo. Tamén fóra da nosa contorna máis próxima, a europea ─onde os focos dos países do continente están postos na crise ucraína polo risco de que a guerra chegue ás súas portas─ as bombas e as balas cóbranse vidas a diario. Coa participación ou beneplácito de Occidente e Rusia.

Mentres as bombas caen en Ucraína, noutros lugares do mundo os crimes contra a poboación e a violación de dereitos humanos veñen por desgraza de vello e non teñen visos de finalizar nun futuro próximo.

Palestina

O caso máis icónico é o do pobo palestino, sometido a unha ocupación ilegal por parte de Israel, tal e como recollen infinidade de resolucións da ONU. As protestas e a resistencia da cidadanía chocan cunhas forzas israelís fortemente armadas, que en demasiadas ocasións acaban con falecidos e detidos, tamén menores.

As iniciativas desde diversos eidos e en diversos momentos ─por exemplo, os Acordos de Oslo de 1993, coa mediación de EUA e Rusia─ acabaron por descarrilar. A axuda humanitaria de organizacións supraestatais, tenta paliar en parte a crise que se vive a diario nos territorios ocupados, mais non resolve o problema de fondo: o estabelecemento de dous Estados, a solución que máis consenso xera na comunidade internacional.

A xeopolítica e os intereses económicos interpóñense: Israel, un dos principais produtores de armas do mundo, é un fiel aliado dos Gobernos estadounidenses; tamén de Rusia, cunha estreita relación cos ultradereitistas Benjamin Netanyahu (ex primeiro ministro) e Naftali Bennett (o actual).

Sáhara Occidental

O proceso de autodeterminación saharauí é materia pendente desde hai décadas. É o gran conflito esquecido por toda a comunidade internacional, que ve en Marrocos un socio fiábel. Tanto Estados Unidos como Rusia deron o seu apoio ao plan de ocupación de Rabat para o Sáhara Occidental. Bruxelas prioriza os intereses económicos, mais a xustiza comunitaria concedeu unha pequena vitoria ao pobo saharauí en setembro pasado: o Tribunal Xeral da UE ordenou anular os acordos de comercio e pesca subscritos entre Marrocos e a UE, tal como reclamou a Fronte Polisario en senllos recursos.

España ten especial responsabilidade. A Polisario sostén que segue a ser a potencia administradora do Sáhara Occidental, un dos 17 Territorios Non Autónomos de todo o mundo e tema de debate no seo do Comité Especial de Descolonización da ONU.

Iemen

A guerra que provocou a que continúa a ser a maior crise humanitaria do Planeta desenvólvese no Iemen: 24,1 millóns de cidadáns (80% da poboación) necesitan axuda humanitaria para sobrevivir, arredor de, segundo a ONU. Unha guerra das chamadas indirectas (proxy, na terminoloxía inglesa) entre dous acérrimos inimigos: Arabia Saudí e o Irán, que apoian cada un dos grupos en conflito que aspiran ao Goberno.

Os países occidentais, no seu enfrontamento co sistema teocrático iraniano deron apoio á coalición liderada pola monarquía absoluta árabe Estados Unidos e outros países. Tanto Riad como de Teherán son campións na violación de dereitos humanos.

Comentarios