Opinión

A agonía do Iemen (I)

O Iemen vive unha guerra civil desde o ano 2014, que está a provocar que a poboación deste país de Oriente Medio situado no suroeste da península arábiga sufra a “peor crise humanitaria do planeta” segundo a ONU.

Mais o certo é que a historia recente do Iemen, o país árabe máis pobre e un dos máis pobres do mundo, vén marcada polas guerras civís, o conflito e a inestabilidade política.

En 1962 créase a República Árabe de Iemen (Iemen do Norte) e no ano 1967 fúndase a República Democrática Popular do Iemen (Iemen do Sur), de orientación marxista, converténdose no primeiro Estado árabe comunista.

En 1981 acórdase a creación dun estado unificado, que vería a luz en maio de 1990 cando xorde a República do Iemen. Mais a reunificación non supuxo en modo algún a inauguración dun período de paz e progreso para o Iemen. Desde o principio a unión viuse arruinada polo resentimento e o desacordo, e en 1994 ten lugar unha pequena guerra civil como consecuencia do malestar existente no sur en relación coa unión.

Mentres, nas montañas do norte, as comunidades xiítas, que representan o 47% da poboación iemení (o 53% é sunnita), sentíndose igualmente marxinadas polo poder central, comezan a organizarse baixo a dirección da prominente familia Hutí, e este movemento comeza a engrosar as súas filas no medio do descontento crecente co poder autoritario do presidente do País, Ali Abdulah Saleh.

En 2011 Iemen súmase á onda de revoltas que se producen no mundo árabe, e que se coñece como Primavera Árabe, onde millóns de iemenís protestan tanto polas precarias condicións económicas do país, cunhas enormes taxas de desemprego, pobreza xeneralizada e un terzo da poboación sufrindo fame crónica, como tamén contra a corrupción e a inestabilidade política, esixindo a renuncia do Presidente Saleh.

Finalmente, Saleh, presidente do Iemen desde 1990 e previamente presidente de República Árabe de Iemen (Iemen do Norte) desde 1978 até a unificación, e que comparara gobernar o país con “bailar sobre cabezas de serpes”, é destituído en 2011.

Mais a situación non mellora coa formación dun novo Goberno liderado por Abd-Rabbu Mansour Hadi, quen fora vicepresidente de Saleh, e as aspiracións do pobo iemení vense frustradas unha vez máis. As medidas de austeridade impulsadas por Hadi atopan o rexeitamento maioritario do pobo iemení e unha proposta de división territorial do país é rexeitada tanto polos hutíes no norte como polo movemento separatista do sur.

A Primavera Árabe remata nun pesadelo en Iemen. En 2014 varias faccións comezan a perder a paciencia, Hadi é incapaz de manter a orde e prodúcese un feito inesperado. Os hutíes, quen durante a Primavera Árabe estiveran moi implicados nas protestas contra Saleh, selan unha alianza co ex presidente. Antigos inimigos xuntan forzas e a alianza axiña dá os seus froitos, pois o ex presidente aínda mantiña importantes apoios no exército.

Xuntos toman zonas estratéxicas do país, e en setembro de 2014 os combatentes hutíes fanse co control de Saná, a capital iemení, provocando a fuxida de Hadi á cidade costeira de Aden, mais ante o imparábel avance dos hutíes busca refuxio en Arabia Saudita, a quen solicita apoio.

Arabia Saudita, quen se ve a si mesma como a principal potencia musulmá sunnita, decide que é o momento de intervir directamente no conflito, pois a situación no Iemen fai saltar todas as alarmas en Riad. O desafío xiíta na súa fronteira sur representa unha ameaza existencial para a súa seguridade debido ao vínculo dos hutíes con Irán, o seu maior inimigo na zona e a maior potencia xiíta no mundo, polo que non pode permitir que os hutíes controlen o país veciño.

Arabia Saudita pretende restaurar o Goberno do Presidente Hadi, protexer a súa fronteira sur e previr a fragmentación do Iemen, e conter a crecente influencia de Irán na rexión. Así que en 2015 Arabia Saudita lidera unha coalición de varios países árabes, apoiada polos EEUU, o Reino Unido, Francia e España entre outras potencias, e deste xeito desátase a catástrofe.

Comentarios