Ucraína centra a conversa entre Biden e Putin

Ás portas das negociacións que comezarán en Xenebra en menos de dúas semanas, Biden e Putin departen arredor da situación en Ucraína.
Biden conversa con Putin a comezos de decembro. (Foto: Adam Schultz / White House / Planet / DPA)
photo_camera Biden conversa con Putin a comezos de decembro. (Foto: Adam Schultz / White House / Planet / DPA)

Menos dun mes despois da anterior cimeira bilateral, o presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, e o de Rusia, Vladimir Putin, conversaron durante 50 minutos á última hora desta quinta feira, após a solicitude de Putin de dialogar para tratar de rebaixar a escalada de tensión que se está a producir pola situación en Ucraína.

Jen Psaki, xefa de prensa da Casa Branca, fixo público un comunicado ao rematar a xuntanza, explicando que Biden “expresou o seu apoio á diplomacia” e fixo fincapé na necesidade de “diminuír as tensións con Ucraína”.

Porén, ameazou con aplicar novas sancións no caso de que Rusia invada Ucraína, desvelou Yuri Ushakov, asesor do Kremlin, acusación que o Executivo ruso cualificou nas últimas semanas de falsa.

Novas sancións implicarían unha “ruptura definitiva” das relacións entre ámbolos dous países, “con graves consecuencias para as relacións con occidente en xeral”, apuntou Ushakov, referíndose á Unión Europea e aos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar liderada polos EUA.

Na conversa, o mandatario ruso alertou de que isto suporía un erro que afectaría as futuras xeracións, erros que se produciron moitas veces nas últimas tres décadas. “É preferíbel que non se volvan repetir”, destacou.

Con todo, Ushakov transmitiu que Biden prometeu a Putin que “non teñen programado despregar armas ofensivas en Ucraína”, unha das liñas vermellas marcadas polos eslavos, que denunciaron que máis de 13.000 soldados da OTAN están presentes na súa rexión fronteiriza.

Neste sentido, o mandatario norteamericano “subliñou a gran responsabilidade de Rusia e os EUA no mantemento da estabilidade en Europa e no mundo”, asevera o comunicado feito público polo Kremlin.

Conversas bilaterais en Xenebra

O vindeiro 10 de xaneiro dan iniciou en Xenebra (Suíza) as conversas bilaterais entre os Estados a raíz da proposta rusa dunhas garantías de seguridade para estabilizar a medio prazo a rexión. Apenas dous días despois, está previsto o comezo do diálogo coa OTAN.

Pola súa parte, a Unión Europea está fóra das conversas, como recriminou hai uns días o Alto representante para a Política Exterior, Josep Borrell, ao tempo que está por descubrir a posición da nova ministra de Exteriores alemá, Annalena Baerbock, en teoría, máis refractaria no que atinxe a Rusia que o seu predecesor.

Comentarios