Rusia e os EUA conversarán sobre seguridade a comezos de 2022

O ministro de Exteriores ruso abre a porta a un acordo sobre seguridade cos Estados Unidos e a OTAN, ao tempo que Alemaña censura as emisións da canle de RT en alemán.
Antony Blinken e Serguei Lavrov, responsábeis de Exteriores dos EUA e Rusia respectivamente. (Foto: Goberno ruso)
photo_camera Antony Blinken e Serguei Lavrov, responsábeis de Exteriores dos EUA e Rusia respectivamente. (Foto: Goberno ruso)

O ministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Serguei Lavrov, anunciou nunha entrevista esta cuarta feira no medio ruso RT que está prevista unha rolda de conversas sobre garantías de seguridade entre Moscova e Washington a comezos de 2022.

“A organización do traballo posterior xa está acordada”, sinalou Lavrov, que adiantou un contacto semellante en xaneiro coa Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar liderada polos Estados Unidos (EUA).

Hai apenas uns días, Rusia ofreceu un acordo de paz tanto aos EUA como á OTAN baseado en "respectar os principios contidos na Carta da Organización das Nacións Unidas", e no que propón que os asinantes non usen o territorio de terceiros países para atacarse, en referencia a Ucraína, onde os EUA advirten dun inminente ataque ruso -o mesmo do que alertaran na primavera pasada-, mentres que Rusia os acusa de despregar forzas militares, realizar manobras e instalar mísiles para atacar Moscova.

Lavrov explicou que malia que non forman parte da OTAN están en organismos internacionais como a ONU, e “se Jens Stoltenberg [secretario xeral da alianza militar] cre que os membros da OTAN teñen dereito a cuspir sobre eses principios talvez sexa hora de 
que dimita”.

Na entrevista, o responsábel de Exteriores tamén abordou a situación en América Latina, incidindo en que non “trazan as súas accións en base ás forzas que están no poder”, e si en “estabelecer unha cooperación cos países”.

Censura a RT en Alemaña

O medio estatal ruso denunciou a persecución que está sufrindo por parte das autoridades de Alemaña. Esta cuarta feira, seis días despois de saír á luz, foi cancelado o sinal de RT en alemán no satélite de telecomunicacións europeo Eutelsat 9B, tras ordenar a cancelación de emisións o regulador de medios alemán, Medienanstalt Berlin-Brandenburg.

“En ningún país do mundo loitaron tanto contra nós como en Alemaña”, aseverou a directora do grupo de comunicación, Margarita Simonián, cualificando a medida de “presión ilegal”, ao extralimitarse o regulador de medios alemán, ignorando o Convenio Europeo sobre Televisión Transfronteiriza.

Amais de facer público que impugnarán nos tribunais a decisión, RT tamén denuncia a negativa de Luxemburgo a conceder unha licencia para a emisión do medio após as presións das autoridades xermanas, así como a decisión de Youtube de eliminar a canle da televisión, cando se atopaba no cuarto posto dos medios de fala alemá, segundo Tubular Labs.

Comentarios