Rusia e os EUA tratan de normalizar as relacións nunha tensa cimeira bilateral

Con Ucraína no fondo, os mandatarios de Rusia e os EUA intercambiaron impresións para intentar avanzar nun debate que reaparece periodicamente. A última vez que acusaron o país eslavo de acumular tropas na fronteira ucraína foi a primavera pasada. 
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, e o mandatario ruso, Vladimir Putin, ao comezo da xuntanza. (Foto: Kremlin / dpa)
photo_camera O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, e o mandatario ruso, Vladimir Putin, ao comezo da xuntanza. (Foto: Kremlin / dpa)

Durante dúas horas e un minuto, Joe Biden, presidente dos Estados Unidos, e Vladimir Putin, presidente de Rusia, mantiveron a súa segunda xuntanza após a reunión de xuño en Xenebra (Suíza), abordando sobre todo a situación en Ucraína, pero incluíndo no diálogo a estabilidade estratéxica, o secuestro de datos dixitais e o traballo conxunto no que atinxe a Irán.

Tras os saúdos cordiais dos primeiros intres da cimeira virtual desta terza feira, transmitidos pola axencia RIA Novosti, a videochamada tornouse tensa por momentos, apuntaron fontes do Executivo norteamericano a CNN.

Pouco despois da despedida, o asesor de seguridade nacional dos EUA, Jake Sullivan, informou os medios do país do acontecido na conversa, sostendo que Biden advertiu que “as cousas que non fixemos en 2014 estamos preparados para facelas agora”, en referencia á decisión da República de Crimea de unirse a Rusia despois de separarse de Ucraína no transcurso da guerra civil provocada polo golpe de Estado contra Viktor Yanukovych.

Porén, non quixo especificar que medidas están dispostos a asumir. “Preferiríamos comunicar iso directamente aos rusos, non negociar en público, non telegrafar os nosos golpes”.

Entre as posibilidades enumeradas pola prensa estadounidense está continuar coas sancións económicas, subministrar máis material militar a Ucraína e aumentar a presenza militar da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

No medio do xogo mediático, un funcionario da Casa Branca defendeu que Biden sinalou que “unha nación non pode obrigar  outra a cambiar a súa fronteira, que cambie a súa política ou con quen poden traballar”. As estimacións feitas pola Intelixencia dos EUA de supostas tropas rusas na fronteira vai desde os 70 mil que cita France24 até os 175.000 que menciona o Washington Post. En todo caso, unhas cifras desacreditadas por diversos analistas militares.

A perspectiva rusa

Pola súa banda, o Kremlin fixo público un comunicado no que expón que hai que volver aos acordos de Minsk, que puxeron fin á guerra en Ucraína, acusando a OTAN de “facer perigosos intentos de conquistar o territorio ucraíno e acumular o seu potencial militar nas nosas fronteiras”, o que impulsa “a liña destrutiva” pola que aposta o gabinete de Volodimir Zelensky, presidente de Ucraína.

Nese sentido, reclama volver á mesa de diálogo e explica que “Rusia está seriamente interesada en obter garantías de confianza e legalmente fixadas que exclúan a expansión cara ao leste da OTAN”, así como “o despregue de sistemas de armas de ataque ofensivo en Estados adxacentes”.

O Estado ruso rexeitou por medio das declaracións de múltiples autoridades as acusacións de Washington de estar preparando calquera clase de ataque contra Ucraína, mais alertando de que isto non implicaba que non foran responder diante das provocacións de Ucraína ou dun terceiro país.

Con todo, ámbolos países acordaron “instruír os seus representantes para que emprendan as consultas sobre estes delicados temas”, indica o Kremlin, nunha conversa que describe como “franca e profesional”.

Tamén se comprometeron a continuar os contactos diplomáticos con respecto ao diálogo sobre Irán, á estabilidade internacional e á seguridade dixital.

No que atinxe á cooperación, Putin asegurou que están dispostos a anular as restricións mutuas sobre as misións diplomáticas, que afirma, foron provocadas polos EUA ao aplicar “prohibicións e expulsións masivas de diplomáticos rusos”.

“É imposíbel reconstruír a Unión Soviética”

Ao tempo que decorría a xuntanza, autoridades dos dous países intercambiaban reproches. Victoria Nuland, subsecretaria de Estado dos EUA, subliñou que Putin busca “reconstruír a Unión Soviética (URSS)”.

“Estou seguro de que a señora Nuland, como todos nós e outros expertos, entende perfectamente que é imposíbel reconstruír a URSS”, respondeu o voceiro presidencial ruso, Dmitri Peskov.

Comentarios