"É moito pedir non pór ningún sistema de ataque perto da nosa casa?", di Putin

Putin defende a actuación rusa na Ucraína e repasa a situación rusa e mundial na súa conferencia anual.
O presidente de Rusia, Vladimir Putin, na rolda de prensa anual que ofrece aos medios rusos e internacionais. (Foto: Kremlin /dpa)
photo_camera O presidente de Rusia, Vladimir Putin, na rolda de prensa anual que ofrece aos medios rusos e internacionais. (Foto: Kremlin /dpa)

Até 507 profesionais de medios de comunicación estiveron presentes esta quinta feira na rolda de prensa anual de Vladimir Putin, presidente de Rusia, que nesta ocasión decorreu no centro de exposicións Manezh de Moscova, e na que abordou desde a situación epidemiolóxica no país á tensión na fronteira con Ucraína.

Precisamente esta cuestión foi unha das que concentrou máis preguntas dos medios internacionais tras as denuncias das últimas semanas por parte dos Estados Unidos (EUA), a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e a Unión Europea (UE) dunha suposta concentración de tropas rusas para invadir Ucraína, unhas acusacións iguais ás que efectuaron na primavera.

Para o Kremlin, a única xustificación destas denuncias é fomentar a “histeria” e o sentimento “anti ruso” na Ucraína, que sosteñen unha maior militarización do país por parte da OTAN e os ataques contra as rexións de maioría étnica rusa.

“Dá a impresión de que están preparando unha operación militar e advírtennos que non protexamos a esas persoas”,  aseverando que Donbas e Crimea son rexións de fala rusa que se ergueron contra Kiev após a aprobación de leis en Ucraína que negan a oficialidade da lingua ou que declaran “os rusos étnicos como non nativos no seu propio territorio histórico, igual que a polacos, húngaros ou romanos”.

Nese sentido, fixo fincapé no golpe de Estado de 2014, con epicentro en Kiev, e nas consecuencias que xerou o apoio de grupos pro occidentais e de extrema dereita á solución militar para asinar un tratado de libre comercio coa UE.

Seguridade incondicional

Rusia non está ameazando a ninguén, mantivo Putin, que reiterou que as decisións de Moscova só dependen da “seguridade incondicional” do país. “Acaso colocamos mísiles perto das fronteiras dos EUA? Non, son os EUA os que chegaron á nosa casa cos seus mísiles e se atopan no limiar do noso fogar”, incidiu, antes de preguntar que tería pasado se “puxéramos mísiles na fronteira entre os EUA e o Canadá? Ou en México?”.

Asemade, lembrou que en 1990 a OTAN prometeu que non se expandiría “nin un centímetro cara ao leste”, non obstante, producíronse até cinco ampliacións desde aquel intre, polo que son Washington e a OTAN os que teñen que dar “garantías”, subliñou Putin.

“É moito pedir non pór ningún sistema de ataque perto da nosa casa? Que ten de raro?”, reiterou, poucos días despois de que o Ministerio de Defensa ruso fixera público un mapa coa distribución de até 8.000 soldados e material militar estadounidense en Europa do leste, sen contar cos 35.000 soldados apostados nas bases militares que teñen en Alemaña.

Economía

Con respecto ao impacto económico da pandemia de Covid-19, Putin explicou que á caída do 3% en 2020, seguiulle un ascenso do 4,5% do PIB en 2021, cun incremento do superávit comercial até os 163.000 millóns de euros e das reservas internacionais até os 553.000 millóns de euros.

Porén, alertou dun nivel de inflación que superou os índices desexábeis, ao situarse no 8%, apuntando que a pesar diso a economía do país eslavo resistiu mellor que outros Estados da contorna o impacto do virus, e salientando que o nivel de desemprego diminuíu até arredor do 4,3%-4,4%, un dato mellor que antes da chegada do SARS-CoV-2.

Vacinas

No que atinxe á vacinación, Putin sinalou que a porcentaxe de persoas inmunizadas alcanza o 59,4%, e marcou como obxectivo chegar ao 80% a finais do primeiro trimestre de 2022. Tamén amosou o seu rexeitamento a converter a picada en obrigatoria, reclamando "explicar pacientemente a súa necesidade”.

Outro dos asuntos dos que deu explicacións na rolda de prensa foi do estado do opositor Alexei Navalni, condenado por fraude, relatando que “sempre houbo, hai e haberá presos en calquera país” e que os crimes non “se poden escudar en actividades políticas”.

No entanto, reclamou a países como Alemaña, que denuncian o envelenamento do opositor, que se non son capaces de achegar ningunha proba das súas acusacións o que teñen que facer “é pasar páxina”.

Comentarios