Ucraína aumenta a tensión entre Rusia e a OTAN

Ucraína volver ser o centro das disputas internacionais na rexión, entre acusacións cruzadas de Rusia e os Estados Unidos, cuxos ministros de Asuntos Exteriores xuntáronse esta quinta feira.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelensky, visita as tropas no leste do país. (Foto: Presidencia de Ucraína)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelensky, visita as tropas no leste do país este ano. (Foto: Presidencia de Ucraína)

Despois da situación na fronteira de Belarús con Polonia, Letonia e Lituania, que pertencen á Unión Europea, Ucraína volve acaparar o foco de atención coas acusacións da Organización do Tratado do Atlántico Norte -encabezada polos Estados Unidos- en contra de Rusia, por estar preparando unha suposta agresión contra o país.

Desde o comezo destas denuncias, autoridades como o embaixador adxunto de Rusia na Organización das Nacións Unidas, Dmitry Polyansky, repetiron nas últimas semanas que “nunca o planeou, nunca o fixo e nunca o vai facer, a menos que nos provoque Ucraína ou alguén más”.

Con todo, perante o aumento das tensións, esta quinta feira reuníronse nas marxes da cimeira da Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa en Estocolmo (Suecia), Serguei Lavrov, ministro de Asuntos Exteriores de Rusia, e Antony Blinken, o seu homólogo dos Estados Unidos.

Na xuntanza, Lavrov acusou os Estados Unidos de incitar “Kiev para sabotar o acordo de Minsk [que puxo fin á guerra en Ucraína en 2014] e alimentar a ilusión dunha solución militar ao conflito”, convertendo os Estados veciños de Rusia “nun trampolín para o enfrontamento”, recolle a axencia Tass.

Asemade, criticou as provocacións dos países da OTAN ao forzar o paso de buques militares en augas territoriais rusas no mar Negro, correspondentes a Crimea, unha zona que antes do conflito interno pertencía a Ucraína, o que cualificou como unha proba da expansión da organización cara ao leste. Porén, salientou que “non queremos ningún conflito” e que Ucraína debería iniciar un diálogo directo con Donetsk e Lugansk, no Donbass.

Estas declaracións chegan despois de facerse pública a venda de armamento de países como os EUA e Turquía ao Exército ucraíno.

As afirmacións foron cuestionadas por Blinken, que reivindicou que a OTAN “é unha alianza defensiva”, polo que “non somos unha ameaza para Rusia. Non temos intencións agresivas cara a Rusia”, indica Deutsche Welle.

Ademais, reclamou que as forzas rusas "respecten a soberanía e a integridade territorial de Ucraína e que faga que os seus militares regresen a posicións normais e pacíficas".

Pola súa banda, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelensky, que alertara hai unha semana dun presunto intento de golpe de Estado, recoñeceu que “non poremos fin á guerra sen conversacións directas con Rusia, debemos falar sabendo que temos un Exército forte e poderoso”, informa Ukrinform

Tropas nas fronteiras

Por unha banda Rusia acusa Ucraína de acumular tropas perto de territorio ruso, mentres que a OTAN sinala en dirección a Rusia pola mobilización de soldados nas fronteiras do país. Na pasada primavera, a organización e os EUA fixeran as mesmas advertencias por uns movementos de tropas que definen como semellantes.

Así e todo, a especialista en Ucraína do Grupo Internacional de Crises, Katharine Quinn-Judge, relata en Euronews que na “primavera, os funcionarios ucraínos e da Unión Europea estaban falando sobre cifras lixeiramente enganosas”, ao non ter en conta os soldados que están permanentemente na zona, “polo que pode confundir de incluírse no número de tropas que supostamente acumulou Rusia nas últimas semanas”.

Saber isto faime ser máis escéptica cos comentarios que estou a ver dos funcionarios ucraínos e europeos hoxe en día, e tampouco é que me parezan fiábeis as declaracións rusas”, resolveu.

Neste sentido, o ex ministro de Defensa de Ucraína, Andriy Zagorodnyuk, defende que as unidades militares que se acusa Rusia de mobilizar perto de Ucraína, en realidade están máis próximas á fronteira de Belarús polo conflito nos lindes coa Unión Europea do seu socio.

Esta mesma quinta feira, Alexander Lukashenko, presidente belaruso, anunciou exercicios militares conxuntos con Rusia na fronteira entre Belarús e Ucraína, onde o Executivo de Zelensky despregou 10.000 efectivos, sinalou.

A UE quere relaxar o asilo en Polonia, Letonia e Lituania

A Comisión Europea propuxo a cuarta feira relaxar durante seis meses as regras comunitarias de asilo en Polonia, Letonia e Lituania, alongando os tempos para tramitar as solicitudes de protección internacional dos migrantes que entren desde o territorio de Belarús, que pasarían de dez días a catro semanas, así como “simplificar e acelerar” as deportacións

Comentarios