A Xunta autoriza a construción de tres dos seis parques eólicos do monte do Gato, dentro da reserva das Mariñas-Mandeo

Nos últimos días obtiveron os permisos os proxectos Felga, Penas Boas e Gato, impulsados por Greenalia nun espazo amparado pola reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo. Suman 11 aeroxeradores, aos que poderían sumarse os 14 dos parques Feás e Seselle, que Galenergy pretende situar no mesmo emprazamento. Porén, o terceiro tramitado por esta compañía, Fontella, foi rexeitado en decembro.
Parque eólico operativo en Esgos, na comarca de Ourense (Foto: Agostime / Europa Press).
photo_camera Parque eólico operativo en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

Hai xa dous anos Nós Diario recollía nas súas páxinas a oposición de boa parte da veciñanza de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras aos seis parques eólicos que se proxectaban sobre o monte do Gato, tres operados por Greenalia —Felga, Gato e Penas Boas— e outros tantos por Galenergy —Feás, Fontella e Seselle—. Os aeroxeradores ficarían inmersos na reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo, un rico espazo natural que, a raíz das múltiples alegacións presentadas durante a tramitación, obrigou a modificar boa parte destas infraestruturas. Até o punto de que un dos parques, Fontella, non obtivo o permiso ambiental e foi rexeitado pola Administración galega en decembro pasado.

Este último proxecto, de feito, prevía erguer os seus dez muíños dentro da denominada 'zona núcleo' da reserva da biosfera, un emprazamento no que non están permitidas estas instalacións. Tamén se define como territorio de exclusión a 'zona tampón', a partir da zonificación efectuada polo Ministerio perante unha resolución posterior no tempo ás alegacións expostas pola reserva das Mariñas-Mandeo, motivo polo que xa o pasado marzo demandaron revisar as declaracións de impacto ambiental (DIA) emitidas con carácter favorábel que poidan verse afectadas por esta medida.

Neste espazo ergueríanse boa parte das turbinas eólicas de catro dos parques. É o caso de Seselle, con DIA positiva e pendente do visto bo definitivo; Felga e Penas Boas, ambos os dous autorizados recentemente polo Goberno galego, e Gato, cuxa concesión das autorizacións administrativas previa e de construción foi recollida no DOG desta mesma terza feira.

Os tres proxectos que xa poderían empezar a construírse, os tres presentados por Greenalia, suman un total de 11 aeroxeradores e unha potencia instalada de 61,6 megawatts (MW), e producirían, segundo a información achegada pola compañía, arredor de 185.560 MWh cada ano; ou, o que é o mesmo —con base nas estimacións do IDAE—, o consumo eléctrico anual duns 48.000 fogares —3,84 MWh/ano—.

Porén, a recente sentenza do TSXG contra o parque eólico Campelo —tamén de Greenalia—, alegando en esencia a "fragmentación indebida" dun único proxecto en tres —Campelo, Bustelo e Monte Toural— a fin de axilizar a tramitación ambiental, e tendo en conta tamén a consideración de reserva da biosfera do monte do Gato, pairan as dúbidas sobre os proxectos autorizados neste territorio. Así, no caso de acudir aos tribunais e se finalmente o auto de Campelo sentase xurisprudencia —falta por pronunciarse o Supremo, ao que a Xunta xa anunciou que recorrerá—, tal e como advertiu Adega esta segunda feira, estes e moitos dos 75 proxectos aprobados recentemente pola Xunta poderían seguir os seus pasos e ficaren anulados.

Outros parques autorizados

O DOG desta terza feira recolle tamén a autorización relativa a outros dous proxectos de Greenalia, o parque eólico denominado As Penizas, que se situaría nos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade, e o Xesteirón, nos termos municipais de Chandrexa de Queixa e Montederramo. Tamén se concederon as licenzas para a construción dun parque impulsado pola compañía Naturgy, As Encrobas, entre Cerceda, Carral e Ordes.


Greenalia vende 182 MW a Engie

Por outra parte, a compañía enerxética Engie vén de adquirir unha carteira de proxectos renovábeis a Greenalia que se traducen nunha potencia a instalar de 182 megawatts (MW), unha operación que permite aos galos acelerar a súa presenza no mercado das enerxías 'verdes' do Estado español. Así o notificaron esta terza feira ambas as compañías, que non precisaron o importe da compra mais si que se trata de proxectos —non construídos— que se situarían na Galiza e Andalucía.

Comentarios