Xustiza

A Xunta non acepta a sentenza contra o parque eólico Campelo, de Greenalia, e recorrerá ante o Supremo

"Hai aspectos que non entendemos e que hai que aclarar", xustifica o vicepresidente Francisco Conde.
Alfonso Rueda e Francisco Conde esta quinta feira (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda e Francisco Conde, nunha comparecencia recente ante os medios. (Foto: Xunta da Galiza)

O Goberno galego porfía en defender a súa xestión do desenvolvemento da enerxía eólica e non considera que incorrese en ningunha infracción cando autorizou a construción do parque eólico Campelo, promovido por Greenalia entre Coristanco e Santa Comba e tombado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza esta mesma quinta feira. "A Xunta está a actuar conforme á normativa", reiterou esta sexta, a preguntas dos medios, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde.

E, entendendo que tanto este proxecto como os denominados Bustelo e Monte Touralparalizados cautelarmente polo TSXG— foron tramitados de forma axeitada e sen vulnerar o dereito comunitario —unha das cuestións esgrimidas na sentenza—, Conde avanzou que a Xunta interporá un recurso de casación diante do Tribunal Supremo porque "hai cuestións que aclarar" a respecto dos argumentos dos maxistrados galegos, entre eles a "indebida fragmentación" dun único 'macroeólico' en tres parques.

Desde San Caetano escúdanse en que as sentenzas emitidas polo alto tribunal do país "están a estabelecer unha serie de cuestións nas cales, desde a Xunta, entendemos que hai que aclarar". E a vía para facelo é o Tribunal Supremo; o mesmo, con todo, que o pasado ano desestimou os dous recursos interpostos tamén polo Goberno galego contra senllas sentenzas que anulaban os parques eólicos de Sasdónigas e O Iribio.

Mais o vicepresidente, obviando que parte dos supostos que levaron á anulación das licenzas outorgadas a Sasdónigas foron tamén obxecto de debate nesta última sentenza referida a Campelo, insiste: "Hai uns parques que están a ser suspendidos temporalmente e hai outros que non sobre a mesma casuística".

"Hai aspectos desde o punto de vista da tramitación os cales non entendemos", xustifica Conde, que reitera que a Xunta non incumpriu as normas vixentes na tramitación do parque Campelo. "Creo, nese sentido, que a única valoración é que imos trasladar a nosa posición", sostén, ao tempo que garante que a Administración vai "acatar" todas as sentenzas que se vaian promulgando.

Unha das cuestións recollidas no veredicto do TSXG é a primacía do dereito comunitario sobre a normativa da Xunta, no que atinxe aos prazos de exposición pública da documentación relativa ao proxecto, que a UE fixa nun mínimo de 30 días e que neste caso, tal e como recolle a sentenza foron reducidos á metade ao ser declarado "de interese especial".

Interpelado ao respecto, Conde afirma: "O que estamos a facer é tramitar xa todos os parques cumprindo con eses 30 días de exposición pública, é un suposto que xa non se vai a dar nos diferentes parques que se están tramitando. Estes parques xa estaban autorizados e non había posibilidade desde o punto de vista administrativo de volvelos expor neses 30 días".

Os maxistrados acordaron tamén deixar sen efecto a declaración de utilidade pública do parque eólico Campelo, así como de compatibilidade con diversos aproveitamentos mineiros e forestais deste proxecto.

Comentarios