Greenalia abre as portas da eólica galega á francesa Engie

A enerxética do país galo adquire unha carteira de renovábeis de 182 MW da compañía galega na Galiza e Andalucía.
Parque eólico Ourol, operado por Greenalia no concello homónimo. (Foto: Greenalia)
photo_camera Parque eólico Ourol, operado pola enerxética galega no concello homónimo. (Foto: Greenalia)

A compañía enexética Engie vén de adquirir unha carteira de proxectos renovábeis a Greenalia que se traducen nunha potencia a instalar de 182 megawatts (MW), unha operación que permite aos galos acelerar a súa presenza no mercado das enerxías 'verdes' do Estado español. Así o notificaron esta terza feira ambas as compañías, que non precisaron o importe da compra mais si que se trata de proxectos —non construídos— que se situarían na Galiza e Andalucía.

En concreto, os parques de aproveitamento enerxético que se inclúen no acordo atópanse aínda en fase de desenvolvemento e está previsto que entren en funcionamento ao longo do ano 2025, pasando agora Engie a encargarse do seu desenvolvemento, actividade e mantemento.

A operación forma parte do obxectivo global de Engie de aumentar a súa capacidade renovábel en 4 xigawatts (XW) de media por ano no período 2022-2025, sendo o Estado español unha peza chave nos seus plans para alcanzar este obxectivo. Ao mesmo tempo, a operación supón a entrada da enerxética francesa no mercado 'verde' galego, "un paso estratéxico para a compañía", celebraron.

Desta maneira, Engie suma xa unha capacidade instalada de 1.600 MW a nivel estatal, con 1.400 MW eólicos, 136 MW fotovoltaicos e 65 MW hidroeléctricos. A conselleira delegada de Engie España, Loreto Ordóñez, destacou que esta operación enmárcase na estratexia do grupo de "impulsar e ser un referente na transición enerxética no Estado español".

"Trátase dunha carteira de proxectos de calidade que contribuirán a alcanzar os nosos ambiciosos obxectivos no país. Ademais, supón a entrada de Engie no mercado renovábel na Galiza, un territorio cun gran potencial en materia de enerxías renovábeis e que reforza a diversificación xeográfica da nosa carteira", acrecentou.

Pola súa parte, o conselleiro delegado de Greenalia, Manuel García, sinalou que esta operación entra dentro do plan de rotación de activos da compañía galega, que destinará os fondos obtidos por este movemento a "acelerar e consolidar o desenvolvemento" do seu plan de negocio. Greenalia, tras esta operación, mantén activo un pipeline diversificado —xeográfica e tecnoloxicamente— superior a 6 XW de proxectos renovábeis.

Sentenza contra o parque eólico Campelo

O anuncio chega poucos días despois de sufrir a compañía con sede na Coruña un duro revés xudicial, pois o TSXG anulou a pasada semana a autorización concedida pola Xunta da Galiza ao parque eólico Campelo, entre Coristanco e Santa Comba, por mor, entre outros argumentos, da "indebida fragmentación" dun único proxecto en tres —Campelo, Bustelo e Monte Toural, estes dous últimos paralizados cautelarmente á espera de resolver o seu futuro—.

Comentarios