Un xulgado da Coruña admite unha demanda contra 12 bancos por comisións cobradas de forma "indebida"

Acouga denunciou cobro de comisións en hipotecas.
Sede do banco BBVA en Madrid (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).
photo_camera Sede do banco BBVA en Madrid (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña admitiu a trámite a demanda colectiva presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) que reclama a doce entidades financeiras a devolución de comisións cobradas de forma "indebida" aos seus clientes pola apertura de créditos hipotecarios e os intereses xerados desde a súa sinatura.

A querela está dirixida contra Abanca, Banco Sabadell, Banco Santander, Bankia, Bankinter, BBVA, Caixabanc, Ibercaja Banco, Kutxabank, Novo Banco, Unicaja Banco e Caixa Rural Galega, segundo explicou Acouga nun comunicado remitido aos medios.

A asociación demandante pide a devolución da contía que a entidade prestamista introduce como cláusula de apertura na escritura da hipoteca "só polo feito" da súa concesión e que oscila entre 0,5% e 1% do total, o que en termos absolutos varía entre os 750 e os 1.200 para cada consumidor. "A comisión de apertura non obedece a gasto ou servizo ningún que o consumidor teña que retribuír ao banco pola xestión da hipoteca", sinalou o secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, que entende que a reclamación vai na liña coa doutrina fixada polo Tribunal de Xustiza da UE en 2020 que determina que esta comisión "non é unha condición esencial do préstamo".

A asociación sinalou que poden sumarse reclamantes de toda a Galiza e do Estado a pesar de estar presentada ante un xulgado coruñés.

Esta asociación estima que podería haber uns 4 millóns de clientes bancarios afectados pola cobranza destas comisións no conxunto do Estado, polo que considera que a demanda será "unha das máis importantes de España e a maior da Galiza" en defensa dos dereitos dos consumidores e

consumidoras.

Banco de España alerta de inquilinos en risco

O Banco de España alertou onte de que a metade dos inquilinos está en risco “de pobreza ou de exclusión” polos alugueiros disparados e os baixos salarios.

A institución avisa de que o mercado da vivenda é un dos grandes problemas estruturais no conxunto do Estado español, e sinala que 4 de cada 10 fogares en aluguer dedican máis de40% dos seus ingresos dispoñíbeis a pagar aos seus caseiros, segundo datos de Eurostat. 

Ademais, 50% dos fogares estatais que residen en vivendas de aluguer e que se atopaban en risco de pobreza ou de exclusión social é “a porcentaxe máis elevada da Unión Europea", incide o Banco de España.

Comentarios