O mercado inmobiliario reséntese na Galiza malia a mellora a nivel estatal

En xaneiro asináronse 8,6% hipotecas menos que no mesmo mes de 2022, mentres no conxunto do Estado español aumentaron por volta de 2,9%. O tipo de xuro medio fica en 2,65%, cun prazo de 25 anos.
En febreiro asináronse 1.241 hipotecas. (Foto: Paegag)
photo_camera En xaneiro asináronse 1.272 hipotecas. (Foto: Nós Diario)

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas caeu 8,6% o pasado xaneiro na Galiza, en comparanza co mesmo mes de 2022, até situarse nos 1.272 préstamos, segundo os datos publicados esta segunda feira polo INE. Esta cifra dista do aumento rexistrado a nivel estatal, xa que no conxunto do Estado español contabilizáronse 37.435 hipotecas no primeiro mes do ano, 2,9% máis que en xaneiro do exercicio previo.

A variación mensual no noso país foi de +19,9% en comparación con decembro, mentres que a media estatal subiu por volta de +24,5%. O capital total prestado na Galiza foi de 149,8 millóns de euros, isto é, 2,9% menos que en xaneiro de 2022 e 27,3% máis que en decembro.

O total de hipotecas constituídas sobre leiras rústicas e urbanas foi de 1.672, con máis de 195 millóns de euros prestados. Delas, 1.617 eran leiras urbanas, sendo 1.272 vivendas, 12 solares e 333 outras leiras urbanas. Aliás, en case 95% das hipotecas a entidade prestamista era un banco.

En xaneiro canceláronse na Galiza 1.798 hipotecas, das cales 1.280 estaban constituídas sobre vivendas e en máis do 93% dos casos o prestamista era un banco. Así mesmo, en territorio galego contabilizáronse 434 cambios rexistrais nos préstamos en xaneiro.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas aumentou 2,9% o pasado mes de xaneiro respecto ao mesmo mes de 2022, até sumar 37.435 préstamos, a maior cifra nun mes de xaneiro desde 2020, cando se asinaron máis de 40.200 hipotecas, sempre segundo datos do INE.

Coa suba interanual de xaneiro, a firma de hipotecas sobre vivendas retorna a taxas positivas despois de que en decembro de 2022 rexistrase un descenso interanual de 8,8% após 21 meses de ascensos interanuais consecutivos. O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas subiu un 1,3% interanual no primeiro mes do ano, até os 142.654 euros, mentres que o capital prestado medrou 4,3%, até os 5.340,2 millóns de euros.

En xaneiro, o tipo de xuro medio para o total de préstamos hipotecarios no Estado español situouse en 2,86%, cun prazo medio de 24 anos. No caso das vivendas, o xuro medio foi de 2,65%, por riba do 1,85% dun ano antes, cun prazo medio de 25 anos.

Até 32,6% das hipotecas sobre vivendas constituíronse o pasado mes de xaneiro a tipo variábel, mentres que o 67,4% asináronse a tipo fixo. O tipo de interese medio ao comezo foi de 2,38% para as hipotecas sobre vivendas a tipo variábel e de 2,79% no caso das de tipo fixo.

Revisión de datos

O INE informou de que procedeu a revisar a serie estatística dos tipos de xuro desde xaneiro de 2020 após pór en marcha un novo procedemento para validar os resultados do tipo de interese medio inicial nas hipotecas constituídas.

Neste senso, explicou que os cambios realizados no proceso de validación destes rexistros consisten nun reaxuste dos filtros de aceptación de valores anómalos, que melloran a estimación dos tipos de interese medios. "Desta forma, a serie revisada reflicte con maior precisión o nivel dos tipos de xuro e a súa evolución ao longo do tempo", sostén o organismo.

Comentarios