A vivenda nas cidades, cada vez máis un luxo: o aluguer subiu 19% neste mandato

Propostas das candidaturas ante os prezos inmobiliarios.
Os prezos da vivenda libre medraron na Galiza por riba da media estatal en outubro (Foto: M. Madriñán).
photo_camera (Foto: M. Madriñán).

Enquisas, estudos e sondaxes sitúan a vivenda como un dos motivos de preocupación principal para galegas e galegos. Non é de estrañar á vista dos datos que corroboran que nestes anos o acceso á vivenda foi converténdose cada vez máis nunha proba de asfixia para a economía das persoas aspirantes a gozar dunha morada, quer en aluguer quer en compra.

Ao longo do mandato municipal aínda en curso, 2019-2023, o prezo do aluguer nas sete cidades galegas aumentou en 19%. O maior incremento deuse en Ferrol e na Coruña, con subas de 25,3% e 21,2%, respectivamente. Onde menos, en Ourense, con perto de 11%.

Mais o aumento dos prezos non se corresponde só ao aluguer, senón que tamén se dá no que respecta á compra dunha vivenda nas sete cidades do país. Só en 2022, aumentou por riba de 6%, segundo o informe de taxación inmobiliaria, sendo aquí Lugo e Vigo onde se rexistraron os maiores incrementos: 6,7% e 6,2%. A urbe máis cara para mercar unha casa é A Coruña, con 1.858 euros por metro cadrado; seguida de Vigo, con 1.635 euros, e Santiago de Compostela, con 1.440.

Demanda insatisfeita

Para completar o cadro da situación da vivenda nas sete urbes principais da Galiza hai que recorrer ao rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta da Galiza. A día de onte había inscritas nas cidades galegas 8.922 persoas demandantes dunha vivenda de protección. Case a metade delas, en Vigo (4.661). 

Unha demanda que apenas ten oferta para satisfacela. O parque público residencial no conxunto da Galiza non chega a 4.000 inmóbeis. E no aluguer de vivenda libre a oferta tamén é escasa. En Vigo hai en oferta, segundo datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), só 500 pisos; na Coruña, 490; en Pontevedra un cento; en Ferrol 120 e en Santiago menos de 240. En Ourense son 250 os pisos para alugar e en Lugo, 90. En total, 1.820 vivendas.

Segundo a Rede Galega contra a Pobreza-EAPN, ao redor de 35% da poboación galega atópase nunha situación de "exclusión residencial", con dificultades para acceder a unha vivenda, ben morando nun inmóbel inadecuado ou con dificultades no pagamento do piso.

Compromisos

De cara ao 28-M as diferentes candidaturas nas cidades do país asumen que a vivenda vai ser un dos puntos de relevo dos seus programas electorais, con propostas adecuadas á realidade de cada unha das urbes galegas.

Vigo é a cidade da Galiza onde hai máis demandantes de vivenda e máis dificultades para acceder á mesma. Ao redor de 100.000 vigueses e viguesas viven en zonas que poden considerarse 'áreas tensionadas' no aluguer. Un escenario ante o que o PSdeG aposta por impulsar vivenda protexida "para cubrir a demanda", a raíz de que no novo PXOM contemplan  14.000 destes pisos. O PP, pola súa parte, fala dun "complemento municipal ás axudas estatais e autonómicas en materia de vivenda". Entre as iniciativas do BNG na materia atópase un parque municipal de vivendas a prezos asequíbeis e mobilizar as 18.500 vivendas desocupadas na cidade. A candidatura de Marea de Vigo-Podemos aposta por un parque público de pisos en réxime de aluguer social. Esta proposta, un parque municipal de vivenda, figura nas propostas de diferentes candidaturas nas cidades galegas. O BNG aposta por crear un parque de vivenda pública en aluguer "que achegue Galiza á contorna europea", ao que suma medidas para mobilizar nas urbes as vivendas baleiras. Compostela Aberta apela a "recuperar a empresa municipal de vivenda”, a Marea Atlántica da Coruña demanda máis vivenda de protección, e avoga por actuacións como construír 250 pisos de aluguer no solo municipal de Xuxán na cidade. O Partido Socialista tamén apunta ás vivendas protexidas: en Ourense promete facer “800 vivendas públicas”, en Compostela crear 200 de aluguer para estudantes e na Coruña "incrementar progresivamente o peso" deste tipo de inmóbel social. 

Vivendas en baixos

Mais non só a vivenda de protección centra os programas electorais. O PP, por exemplo, propón na Coruña "favorecer a construción de vivenda" e en Compostela avoga por un "bono vivenda" e por habilitar como vivendas baixos comerciais en desuso. Proposta esta última que tamén leva Democracia Ourensá no seu programa.

O BNG tamén reclama que a Sareb ceda de maneira gratuíta á Galiza os pisos e inmóbeis que sexan aptos para uso residencial que o "banco malo" posúe nas cidades e nas vilas galegas. 

Os pisos turísticos e a súa regulación

Nas eleccións municipais de 2019 as vivendas de uso turístico (VUT) existentes na Galiza eran 5.400. Catro anos despois abeiran as 18.000. O seu aumento é constante e entre as sete cidades galegas suman case 4.000. No que vai de ano, de xaneiro e principios deste mes de maio, o aumento destes pisos turísticos foi de 10% no conxunto das sete urbes, sobre todo na Coruña (19%) e Vigo (12%). A regulación deste tipo de vivendas foise abrindo oco na axenda política das cidades galegas, onde formacións como o BNG ou os espazos nucleados ao redor das 'mareas' e Podemos son partidarias de avanzar neste camiño. O PSdeG deu pasos neste sentido en Compostela, onde goberna, mais non noutras cidades galegas onde tamén o fai. O PP, pola súa parte, opta por manter unha actitude de "perfil" que cobre con apelacións ao "diálogo" cos propietarios destes inmóbeis.

Comentarios