As vendas do comercio polo miúdo galego crecen por baixo das estatais

O negocio do sector medrou 3,2% en novembro.
Tenda de Bimba e Lola en Compostela (Xoán Roberes).
photo_camera Tenda de Bimba e Lola en Compostela (Xoán Roberes).

As vendas do comercio polo miúdo galego creceron 3,2% en novembro en comparación co mesmo mes de 2022, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Porén, este avance situouse por baixo da media estatal, cunha suba de 5,7%. 

Así, a Galiza situouse entre as autonomías do Estado español onde menos medraron as vendas do comercio polo miúdo, tan só por diante do incremento rexistrado en Nafarroa (+2,1%), en Castela e León (+2,7%), así como en Estremadura (+2,8%).

Por outra parte, o prezo das exportacións galegas subiu 0,42% en outubro, en comparación co mesmo mes de 2022, mentres que o das importacións baixou 2,11%, segundo se desprende do Índice de Valor Unitario para o Comercio Exterior publicado esta quinta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Por destino xeográfico, as exportacións á eurozona subiron de custo 0,08% mentres que as importacións procedentes destes Estados aumentaron o prezo 0,28%. Ademais, os produtos enviados á Unión Europea (UE) baixaron de valor 0,41%, mentres que os importados 0,72%.

Comentarios