Análise

O valor do comercio local

O arquitecto urbanista Iago Lestegás Tizón analiza para 'Nós Diario' o papel que xoga o comercio polo miúdo.
Se mercamos todo por internet en grandes plataformas contribuímos ao esmorecemento dos nosos barrios e á debilitación da nosa economía, advirte Lestegás. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Se mercamos todo por internet en grandes plataformas contribuímos ao esmorecemento dos nosos barrios e á debilitación da nosa economía, advirte Lestegás. (Ilustración: Álex Rozados)

O comercio local ou de proximidade é fundamental para a vitalidade urbana. Subministra bens e servizos imprescindibles para a vida cotiá, contribúe á creación de emprego na comunidade e mantén os nosos cartos na economía local. Ademais, proporciona espazos de socialización e encontro cuxa alteración ou desaparición pode afectar profundamente o modo en que a veciñanza se relaciona.

En Morte e vida de grandes cidades (1961), Jane Jacobs destacou a importancia de que haxa "ollos na rúa" que protexan as persoas no espazo público. As tendas e demais establecementos aportan moitos ollos, pois é nas plantas baixas dos edificios onde se producen as maiores interaccións entre interior e exterior. Estamos e sentímonos máis seguros e seguras na rúa se hai comercios abertos.

Ao satisfacer as nosas necesidades básicas sen realizarmos grandes desprazamentos, o comercio local promove a mobilidade sostible. Permítenos abastecernos de calquera produto esencial sen collermos o coche e, ademais, fai que percorrer a cidade a pé ou en bicicleta sexa máis agradable.

 As compras a través de grandes intermediarios virtuais xeran maior impacto ambiental

Unha sucesión de fachadas estreitas con tendas e outros establecementos máis ou menos pequenos nas plantas baixas convida a camiñar, pois a paisaxe urbana muda a medida que avanzamos e nunca se repite. Esta é unha das razóns polas que os barrios históricos son tan camiñables. Nas periferias residenciais modernas, pola contra, os muros cegos, opacos, monótonos e repetitivos poden prolongarse durante ducias de metros sen que nada entreteña a quen se aventura a pé polas súas extensas avenidas.

A multiplicación de hipermercados e centros comerciais nas marxes urbanas extrae demanda do comercio dos barrios e provoca a desaparición de moitos negocios que non poden competir coas grandes distribuidoras apostadas ás portas da cidade. Algúns resisten ata a xubilación dos seus titulares, que baixan entón definitivamente as persianas deixando, en moitas ocasións, os baixos baleiros e pechados para sempre. Os parques industriais e empresariais construídos fóra da cidade deberían reservarse para aquelas actividades que non se poden localizar noutro lugar por seren incompatibles co uso residencial, pero neles abundan os establecementos de venda ao retallo de alimentos e outros artigos de primeira necesidade.

Máis recentemente, a popularización da compra online incrementou a presión sobre o comercio local. Se mercamos todo por internet en grandes plataformas dixitais —incluídas moitas cousas que se atopan facilmente a só uns metros da casa— contribuímos ao esmorecemento dos nosos barrios e á debilitación da nosa economía. Ademais, as compras realizadas a través de grandes intermediarios virtuais xeran un impacto ambiental moi superior ao que ten mercar no comercio local, tanto pola emisión de gases de efecto invernadoiro derivada do transporte de artigos dende lugares moi afastados ata a porta da casa como por un uso excesivo de embalaxes que se traduce en moreas e moreas de refugallos. Tanto unboxing non é sostible.

O Ajuntament de Barcelona prohibiu a apertura de novas tendas de souvenirs no distrito de Ciutat Vella, nas inmediacións da Sagrada Familia e do parque Güell e na contorna dos bens culturais

Nos barrios sometidos a procesos de turistificación, o comercio de proximidade é substituído por negocios que non atenden as necesidades da poboación que aínda os habita. En 2008, o Ajuntament de Barcelona prohibiu a apertura de novas tendas de souvenirs no distrito de Ciutat Vella, nas inmediacións da Sagrada Familia e do parque Güell e na contorna dos bens culturais de interese nacional. A normativa foi actualizada en dúas ocasións para ampliar os perímetros de especial protección ante o aumento do volume de visitantes en certas zonas.

En 2019, o Consiglio Comunale de Venecia regulou as actividades comerciais que se poden implantar nos espazos máis masificados da cidade e definiu unha serie de obrigas para os establecementos existentes, que deberán especificar en sitio visible o lugar de fabricación dos seus artigos.

Na cidade densa e compacta construída antes do nacemento do urbanismo moderno conviven en simbiose os comercios que funcionan nas plantas baixas e as vivendas que ocupan os demais andares. Dado que cómpre un certo número de potenciais clientes para un comercio ser viable, unha concentración suficiente de poboación é condición necesaria para a existencia dunha oferta comercial próxima e diversa.

Asumindo que na cidade haberá sempre unhas zonas máis densas e compactas ca outras, é fundamental apostar pola densidade e a compactidade urbanas para garantir un aproveitamento máis eficiente do solo e favorecer o abastecemento axeitado da poboación nun ámbito de proximidade.

Comentarios