A campaña Muros Consume Consciente planta cara ao Black Friday con "grande implicación"

A campaña muradá finaliza este sábado tras oito días a prol do comercio local.
Mesa redonda no marco da campaña Muros Consume Consciente (Foto: Concello de Muros).
photo_camera Mesa redonda no marco da campaña Muros Consume Consciente (Foto: Concello de Muros).

A campaña Muros Consume Consciente, promovida desde o Concello para favorecer o consumo no comercio local nas datas do Black Friday, remata este sábado tras oito días de intensa actividade e "grande implicación" da veciñanza, dos comercios e da comunidade educativa.

Así o destacou o Goberno local, que fixo balance dunha acción que pretende fomentar o consumo responsábel e apoiar o comercio local, plantándolle cara ás ofertas do Black Friday das grandes cadeas que "afogan o comercio de proximidade".

Segundo relatou o Concello de Muros, esta campaña está coordinada por varios axentes locais comprometidos como son Espazo A Maceta, Fresco e do Mar, Auga e Sal e Galuriña, e inclúe mesas sobre emprendemento sostíbel e comercio local (que continúan este sábado), a presentación de proxectos elaborados polos alumnos e alumnas de Bacharelato do IES Fontexería, así como un roteiro e unha exposición.

A alcaldesa de Muros, María Lago, destacou que os resultados da acción foron "moi satisfactorios", e que os cidadáns entenderon os motivos reais da iniciativa: a importancia dun consumo responsábel e respectuoso cos recursos do planeta.

Así como tamén o fixeron os comercios, que se implicaron con propostas artísticas nos escaparates do municipio, en palabras da alcaldesa, "dándolle cor a este Black Friday".

Por outra parte, Albela Fernández, unha das responsábeis do Espazo Maceta, alegou que o que inicialmente era un deseño, que se fixo realidade grazas á implicación e enerxía da veciñanza, que respondeu á iniciativa conseguindo un impacto "moito maior do imaxinado", algo que pretenden estender a outros concellos o ano que vén.

Comentarios