A venda de vehículos usados cae na Galiza 6,6% en abril

No primeiro cuadrimestre do exercicio comercializáronse 32.889 coches usados no país, 1,76% menos se se compara co mesmo período do ano pasado.
Vehículos de segunda man nunha feira en Vigo (Foto: Motorocasión Vigo).
photo_camera Vehículos de segunda man nunha feira en Vigo (Foto: Motorocasión Vigo).

Galiza contabilizou unhas vendas de 7.205 vehículos de ocasión en abril, o que supón 6,61% menos que no mesmo mes de 2022, segundo datos publicados esta segunda feira pola Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos (Ancove).

Desta maneira, no primeiro cuadrimestre do exercicio comercializáronse 32.889 coches usados no país, 1,76% menos se se compara co mesmo período do ano pasado, a pesar de que a nivel estatal o mercado creceu 2,6%.

Datos estatais

A nivel estatal, as vendas de turismos de segunda man caeron 2% en abril respecto ao mesmo mes de 2022 con 134.090 coches. No cuadrimestre transferíronse 604.725 coches, 2,6% máis que no mesmo período do ano pasado.

Os compra-vendas venderon en abril 22.951 turismos de ocasión, 4,8% de caída sobre o mesmo mes de 2022. Os particulares, onde se comercializan unidades máis antigas, venderon 68.578 coches no mes cunha caída de 5,8%. No ano suman 353.213 cun descenso de 0,9%.

En canto ás motorizacións, agudízase en abril o descenso dos diésel, 6,1%, aínda que copan 56,4% do mercado de segunda man, e a gasolina 36,7% cun lixeiro aumento de 0,8% no mes. Os eléctricos volven descender e suman unha baixada de 12,4% no que vai de ano. Un mes máis os maiores crecementos concéntranse nos híbridos de gasolina.

"En principio, Ancove non mostra preocupación polo descenso das vendas en abril, debido probabelmente a un efecto estacional por Semana Santa, pois moitas compras adiantáronse a marzo. Con todo, constátase unha retardación do crecemento das vendas desde xaneiro, polo que haberá que estar vixiante os próximos meses", indicou o presidente da Asociación, Eric Iglesias.

Comentarios