Stellantis Vigo ten 800 operarios menos que hai un ano e prepara un novo ERE

A empresa despedirá até un cento de traballadores na planta de Balaídos.
Planta de Stellantis, antiga Citroën, nas inmediacións de Balaídos na cidade de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Planta de Stellantis, antiga Citroën, nas inmediacións de Balaídos na cidade de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A masa laboral de Stellantis Vigo, a principal empresa do sector da automoción na Galiza, perdeu ao redor de 800 profesionais ao longo do ano 2022, segundo os datos achegados polo sindicato CUT a Nós Diario. Un feito que contrasta co aumento de beneficios da firma en 44% no primeiro semestre de 2022 con respecto ao mesmo período de 2021.

A crise dos semicondutores -que comezou en 2020 a raíz da pandemia- seguiu ao longo do pasado ano. Unha problemática que fixo que as cadeas de produción se retardaran por falta de pezas, o que reduciu o número de vehículos novos dispoñíbeis e provocou que a demanda caese tamén.

A resposta que están dando as empresas do sector está a ser a da eliminación de postos de traballo e a deslocalización da produción, a pesar do récord de facturación da automoción galega durante o ano 2021.

O sector espera aproveitar o tirón da demanda de coches eléctricos. Porén, 90% de profesionais da automoción do Estado cre que é "imposíbel" cumprir co obxectivo do Goberno español de vender 225.000 vehículos eléctricos en 2023, segundo un estudo de Somos Mobilidade.

Novo ERTE e novo ERE

Neste contexto, Stellantis Vigo anunciou esta terza feira, tras unha nova reunión cos sindicatos, que o expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) que quere pór en marcha na factoría de Balaídos afectará potencialmente 5.037 traballadoras e traballadores durante 60 xornadas, 30 menos que as anunciadas, mais que poderán ser prorrogábeis até un máximo de 75. Ademais, a compañía mantivo a súa intención de realizar un expediente de regulación de emprego (ERE) a un máximo de 100 compoñentes do cadro de persoal.

En resposta ás peticións dos sindicatos, Stellantis aceptou tomar medidas de suspensión do contrato de traballo con dereito de retorno para que o persoal "poida traballar noutra empresa ou nun proxecto persoal durante 12 ou 24 meses", así como a posta en marcha do 'permiso senior', unha autorización de "longa duración para facilitar o tránsito cara á xubilación anticipada voluntaria".

Precisamente esta terza feira, Stellantis Vigo renovou a súa actividade no sistema 1 de produción, que monta os modelos Peugeot 2008, Peugeot 301 e Citroën C-Elysée, tras parar a súa actividade desde a pasada fin de semana coa desconvocatoria de varias quendas previstas e as tres quendas desta pasada segunda feira, 16 de xaneiro. A pesar da volta á actividade, fontes da compañía aseguraron que "se mantén a tensión nos fluxos de aprovisionamento por falta de subministracións".

Ademais, o persoal de dúas empresas que prestan servizos a Stellantis continúan en "folga indefinida" desde o pasado 9 de xaneiro. Trátase da empresa TBSI, con sede no Porriño, que fabrica pezas plásticas para automoción, e da compañía Avenir Conseil Formación ACF, con sede en Vigo, que presta servizos informáticos a Stellantis a nivel mundial.

Os paros en TBSI foron convocados ante os despedimentos que a entidade realizou para abaratar custos e a súa intención de externalizar algúns dos servizos.

Mentres tanto, o persoal de Avenir Conseil Formación ACF continúa en folga indefinida ante os plans da compañía de deslocalizar os seus recursos produtivos a terceiros Estados como Marrocos.

O Parlamento demanda axudas para a automoción

O Parlamento da Galiza instou a Xunta a dirixirse ao Goberno estatal para reclamar unha axuda directa á automoción galega de máis de 700 millóns de euros, de forma que non sexa inferior á porcentaxe de 23,6% dos fondos destinados ao Plan estratéxico de recuperación e transformación económica do vehículo electrificado e conectado (Perte VEC).

Esta proposta do PP, defendida por Moisés Rodríguez, saíu adiante coa abstención da oposición despois de que o grupo popular non aceptase as súas emendas, que puñan o acento sobre a necesidade de que a Xunta actúe ao respecto. Martín Seco (PSdeG) criticou que a Xunta "non fai nada", senón que só "exixe ao Goberno do Estado que faga". María do Carme González Iglesias (BNG) sinalou que tanto o Estado como a Xunta "son culpábeis" de utilizar os fondos europeos "para lanzarse acusacións".

Comentarios