A UE veta a pesca de arrastre en 87 zonas do Atlántico, incluído o Gran Sol

A Comisión Europea aprobou esta quinta feira fechar o acceso da frota de arrastre a 87 zonas de protexidas en augas comunitarias do Atlántico Nororiental tras adoptar unha norma á que se opoñían o Estado español e Irlanda, o que na práctica supón vetar a captura de especies en augas con profundidades superiores a 1.500 metros. A decisión afecta a frota galega que faena no Gran Sol.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na xuntanza co resto dos integrantes do organismo, esta cuarta feira. (Foto: Dati Bendo / European Commission / d / DPA)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Foto: Dati Bendo / European Commission / DPA)

"Ao fechar o acceso ás artes de pesca de fondo ao 17% da área entre 400 e 800 metros de profundidade en augas comunitarias do Atlántico Nororiental, estamos a cumprir o noso compromiso de protexer e restaurar a vida mariña", defendeu o comisario de Pesca, Océanos e Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius.

A decisión implica prohibir o acceso á pesca de arrastre a unha superficie de 16.419 quilómetros cadrados de reservas para a protección de ecosistemas mariños vulnerábeis por baixo dos 400 metros, o que presenta o 1,16% das augas comunitarias no Atlántico Nororiental.

O veto afecta os buques equipados con artes de fondo como redes de arrastre de fondo, dragas, redes de enmalle de fondo, palangres de fondo, nasas e almadrabas, segundo explicou o Executivo comunitario e entrará en vigor 20 días após a publicación no Diario Oficial da Unión Europea.

"Catro anos máis tarde finalmente estamos a implementar unha das disposicións chave do Regulamento de Acceso a Augas Profundas", agregou Sinkevicius.

A Comisión Europea deu luz verde ao regulamento de augas profundas no Atlántico Nororiental, despois de ser sometido a votación o pasado xuño no Comité de Pesca e Acuicultura a través dun acto de implementación que non obtivo a maioría requirida para saír adiante, cos votos en contra do Estado español e Irlanda e as abstencións de varios países.

Neste marco, a decisión quedou en mans da Coiomisión Europea que deu luz verde á regulación.

Malestar no sector

O sector pesqueiro do Estado español xa anunciou que estudará "opcións legais" en relación ao fechamento destas 87 zonas. A organización Cepesca non descarta a convocatoria de paros e concentracións.

"Á espera de coñecer o texto legal, o sector denuncia que este non contou coas consultas correspondentes obrigatorias nin cunha análise de impacto socioeconómico e se basea, ademais, en informes con lagoas científicas, como o uso exclusivo da pegada de pesca dos barcos de arrastre, e non das artes fixas", explicou a organización.

"A normativa impactaría moi negativamente no futuro da pesca de fondo no Atlántico e, por tanto, a máis de 10.000 pescadores", afirmou, á vez que sinalou que no caso do Estado español, afectaría a uns 500 buques de distintas modalidades de pesca, entre eles, os barcos galegos que faenan no Gran Sol.

O BNG advirte de "atentado" contra a frota

O BNG considera un "disparate e un atentado" contra a frota galega a decisión da Comisión Europea de fechar 87 áreas de pesca de fondo sen motivación científica algunha e sen ter en conta o impacto que pode implicar desde o punto de vista económico e do emprego para un sector estratéxico para Galiza.

En palabras da eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, esta decisión do Executivo comunitario supón "un ataque á frota galega que demostra a ignorancia da Comisión Europea e implica a expulsión da nosa frota de fondo sen ter en conta a realidade económica e social do País, nin se xustifica tampouco desde o punto de vista científico".

Comentarios