A Eurocámara aproba medidas que limitarán a pesca no Pacífico Occidental e a NAFO

As augas da NAFO constitúen un dos principais caladoiros.
Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #pesca #frota #poem #eólicamariña #sectorpesqueiro #economía
photo_camera Pescadores no peirao de Burela. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O pleno do Parlamento europeo apoiou nesta terza feira a introdución de novas medidas de conservación e xestión en augas da Organización de Pesqueiras do Atlántico Norte (NAFO, polas súas siglas en inglés) e da Comisión de Pesca do Pacífico Occidental e Central (WCPF, en inglés), polo que se limitará o número de barcos que faenen nestas zonas.

A actualización da normativa en augas NAFO saíu adiante sen cambios e foi apoiada por 589 eurodeputados, mentres seis votaron en contra e 38 abstivéronse. Esta normativa adoptada pola NAFO en setembro de 2021 afecta a inspección portuaria dos desembarcos de bacallau e rodaballo de Groenlandia, mais tamén as infraccións graves nos procesos relacionados.

Por outra parte, con 581 votos a favor, catro en contra e 38 abstencións, os eurodeputados deron o visto e prace á actualización das medidas de conservación e xestión na Comisión de Pesca do Pacífico Occidental e Central, que prohibe á frota europea descargar residuos plásticos e de combustíbel, lixo ou augas residuais no mar.

Aliás, esta nova normativa inclúe novas regras que afectan á declaración de transbordo, o programa de observadores rexionais e boas prácticas para protexer especies marítimas sensíbeis como o quenlla balea, a raia ou a tartaruga mariña.

A Unión Europea forma parte da NAFO desde 1979; con todo, só 40 buques estaban autorizados a pescar na zona. En 2022 só seis países da UE pescaron na rexión aínda que os seus volumes de captura foron significativos.

No que respecta á Comisión de Pesca do Pacífico Occidental e Central, a UE entrou en 2004 aínda que só uns poucos barcos de Francia, Portugal e o Estado español teñen licenza para pescar na zona. Tendo en conta as cantidades de captura, teñen un importante impacto na xestión dos recursos pesqueiros na rexión.

Vaga de incendios

Por outra parte, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou nesta terza feira na Eurocámara o impacto da vaga de incendios na Galiza, que "ardeu sen medios preventivos, sen materiais e con falla de planificación do Goberno galego", dixo.

Comentarios