O PSdeG inicia unha recollida de sinaturas contra a prohibición da pesca de fondo

Valentín González Formoso cuestiona unha norma da Comisión Europea que "carece de rigor científico" e "afecta singularmente a Galiza".
A frota do Cantábrico (na imaxe o porto de Burela) alerta do impacto dos aeroxeradores no mar (Foto: Antonio Herrera).
photo_camera A frota de Burela, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Antonio Herrera)

O PSdeG vén de iniciar unha recollida de sinaturas polas 63 confrarías do país contra a prohibición da pesca de fondo por parte da Comisión Europea en caladoiros de todo o territorio comunitario, unha realidade que, precisan os socialistas, "afecta singularmente a Galiza".

O secretario xeral, Valentín González Formoso, puxo a primeira sinatura xunto ao patrón maior de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, e diferentes representantes dos municipios máis afectados da comarca, nun acto decorrido nesta sexta feira na localidade mariñá.

O obxectivo é "sumar" outros territorios do Estado afectados pola norma como Asturias, Cantabria ou Euskadi, e mesmo confrarías e concellos franceses e portugueses.

O PSdeG, precisou González Formoso, "nin entende, nin comparte" unha decisión que "carece de rigor científico" e dunha "avaliación previa do impacto económico e social" que ocasionará a "un gran número de familias que ve ameazado o seu futuro".

A medida adoptada pola Comisión Europea bate coa realidade galega, afirmaron desde o grupo socialista, dado que os caladoiros galegos "recuperaron 51% da biomasa nos últimos 15 anos". Así, entenden que o sector pesqueiro da Galiza "xa estaba actuando con respecto ao medio ambiente e de forma sostíbel para o ecosistema mariño".

Pola súa parte, Basilio Otero agradeceu o "apoio" mostrado por Formoso e o PSdeG ao sector pesqueiro ante o que cualifica como unha decisión "incongruente". Así, lamenta que non se diferencie entre as prácticas de pesca de fondo que teñen un maior ou menor impacto sobre o medio ambiente.

Aliás, na mesma liña que o líder dos socialistas, apuntou que a norma carece de "rigor científico" e de estudos sobre o seu impacto. Ao seu entender, as confrarías galegas levan "moitos anos" traballando con "responsabilidade" e con "compromiso co desenvolvemento sostíbel", polo que se trata dunhas prohibicións "inxustas".

Comentarios