A UE deberá extraer o 10% das materias primas que consuma e "acelerará" os proxectos extractivos

25% dos produtos terán que procesarse no espazo comunitario.
Traballos de prospección dunha mina de litio en Santa Comba. (Foto: Eurobattery)
photo_camera Traballos de prospección dunha mina de litio en Santa Comba. (Foto: Eurobattery)

O Consello dos 27 deu luz verde final ao obxectivo acordado co Parlamento europeo para que a Unión Europea (UE) "avance cara á autosuficiencia" e extraia cando menos un 10% das materias primas críticas que consuma en 2030, sempre que así o permitan as reservas comunitarias.

Este paso supón a adopción final da Lei de materias primas críticas que a Comisión Europea presentou en marzo de 2023 para "axudar a diversificar as importacións" de materiais como o litio, o cobalto ou o magnesio, entre outros, e garantir que a partir de 2030 a Unión Europea non consiga máis do 65% deles dun único terceiro Estado como China. 

O texto final identifica dúas listas de materiais –34 críticos e 17 estratéxicos– que son cruciais para as transicións verde e dixital, así como para as industrias espacial e de defensa, e fixa, ademais do obxectivo dun 10% de extracción local, que o 40% deberá procesarse na UE, mentres que o 25% procederá de materiais reciclados. 

Aceleración de proxectos

A cadea de valor das materias primas estratéxicas da UE "reforzarase" coa selección e execución de "proxectos estratéxicos", que se beneficiarán especialmente da axilización dos procesos de concesión de permisos e que poderán ter lugar en terceiros Estados. 

Así, os proxectos de extracción recibirán os seus permisos nun prazo máximo de 27 meses, mentres que os proxectos de reciclaxe e procesamento deberán recibir os seus permisos nun prazo de 15 meses, con excepcións limitadas destinadas a "garantir un compromiso significativo" coas comunidades locais afectadas polos proxectos, así como unha "avaliación de impacto ambiental axeitada". 

Tras a adopción final do texto por parte dos 27, o regulamento publicarase no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e entrará en vigor aos vinte días da súa publicación. 

Comentarios