A Xunta abre unha auditoría após denunciar ecoloxistas o desvío de 200.000 euros de fondos europeos á Cámara Mineira

O Goberno galego sinala que en 2024 non se subscribiu novo convenio coa entidade, "á espera do resultado do procedemento iniciado, após o que se tomarán as medidas oportunas".
As denominadas 'terras raras' son recursos xeolóxicos considerados estratéxicos pola UE para o desenvolvemento da industria e as novas tecnoloxías. (Foto: Europa Press)
photo_camera As denominadas 'terras raras' son recursos xeolóxicos considerados estratéxicos pola UE para o desenvolvemento da industria e as novas tecnoloxías. (Foto: Europa Press)

Ecoloxistas en Acción denunciou ante os ministerios de Educación e Traballo que a Xunta "outorgase arbitrariamente" á Cámara Oficial Mineira da Galiza case 200.000 euros de fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Alerta dun "desvío" de cartos públicos ao "lobby mineiro" para realizar actividades formativas, a pesar de que "non ten acreditada a competencia e experiencia docente".

Unha vez coñecida a noticia, fontes da Consellaría de Emprego citadas pola axencia Europa Press alegaron que a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación asinou un convenio coa Cámara Mineira en 2023 "no marco da colaboración que vén mantendo con distintos clústeres e entidades representativas de distintos sectores produtivos". Tamén precisaron que, após a recepción da denuncia de Ecoloxistas en Acción, iniciaron unha auditoría.

Igualmente, o Goberno galego sinala que en 2024 non se subscribiu novo convenio coa entidade, "á espera do resultado do procedemento iniciado, após o que se tomarán as medidas oportunas". Nun comunicado, Ecoloxistas en Acción advirte de que estes fondos europeos deben ser adxudicados en concorrencia competitiva e a entidades homologadas que acrediten os certificados para que a formación teña validez. Por iso, as entidades beneficiarias deben constar como centro de formación no rexistro de centros do Servizo Publico de Emprego Estatal (SEPE) e acreditar as competencias e experiencia dos docentes.

"Esta normativa está creada precisamente para asegurar a calidade da formación recibida, evitando o uso de chiringuitos, como aconteceu no pasado, algo que precisamente non aconteceu coa Cámara Mineira, que está a recibir directamente fondos fóra dunha convocatoria pública, sen acreditación para realizar actividades formativas e sen estar rexistrada no catálogo de entidades formativas", reproban os ecoloxistas.

Un caso que tacha de "desvío irregular" de fondos públicos nun convenio "outorgado a dedo" á Cámara Oficial Mineira, no cal se adxudican "549 euros por participante para unha formación básica e non formal en modalidade de teleformación, cando a orde reguladora estabelece un tope de 315 euros".

Paralelamente, Ecoloxistas en Acción recrimina que "o lobby mineiro" recibiu "máis dun millón de euros" por parte do Executivo galego "para actividades de lavado de cara verde da minería" nos últimos anos. "Este mesmo ano a Cámara Mineira saíu ao paso para defender a mina de San Finx afirmando que non se producía afección ás augas, xusto cando a propia Xunta sancionaba a mina cunha multa de 180.000 euros por verteduras ilegais".

Comentarios