O salario do funcionariado subirá 0,5% extra con efectos retroactivos desde o inicio de 2023

A CIG denuncia a perda de poder adquisitivo de 18,7%
Unha muller é atendida por un funcionario nunha oficina do Servizo Público de Emprego Estatal (Foto: Francisco J. Olmo).
photo_camera Unha muller é atendida por un funcionario nunha oficina do Servizo Público de Emprego Estatal (Foto: Francisco J. Olmo).

O Consello de Ministros e Ministras do Estado español aprobou esta terza feira o incremento adicional do salario dos empregados e das empregadas públicas de 0,5%, que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2023, segundo avanzou a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero. "A economía vai ben e, por tanto, acompañamos os salarios dos nosos empregados públicos nesta conxuntura económica", destacou Montero.

Así, as retribucións das máis de 170.000 persoas cun emprego público na Galiza aumentarán 0,5% adicional desde 2023, debido a que o crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) español o pasado ano alcanzou 2,5%, superando as estimacións do Goberno estatal nunha décima porcentual.

Esta suba xa se recolleu nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2023, tras o acordo asinado polo Executivo estatal con CCOO e UXT en outubro de 2022, que fixaba un aumento salarial para o funcionariado en 2023 de 2,5%, e que incluía dous incrementos adicionais de 0,5% cada un, ligados á inflación e ao crecemento económico (ambos os dous finalmente efectivos).

Unha vez aprobada esta segunda suba adicional, o salario do funcionariado subirá en 2023 3,5%, igual que en 2022. Porén, desde a CIG denuncian que, logo da baixada do soldo de 5% en 2010 e da posterior conxelación dos salarios até 2016, así como de posteriores perdas nas retribucións reais polo efecto da inflación, os traballadores e as traballadoras públicas terían perdido 18,77% do seu poder adquisitivo, pois mentres os prezos subiron 30,2% (desde 2010), os seus salarios só o fixeron en 11,43%.

Salario mínimo

O Executivo estatal tamén aprobou onte unha suba de 5% do salario mínimo inteprofesional (SMI) para 2024 (con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro), desde os 1.080 euros mensuais por 14 pagas até os 1.134 euros. Ademais, incrementou o mínimo exento no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) desde os 15.000 euros até os 15.876 euros, de forma que os salarios mínimos non sufrirán retencións.

Comentarios